A árbore xenealóxica
AG.- Algúns dos membros da nosa familia viven na nosa casa, pero outros viven noutras casas. Unha boa forma de aprender máis sobre a nosa familia é realizar a nosa árbore xenealóxica.
Unha árbore xenealóxica é un mapa visual en forma de árbore en que aparecen os distintos membros dunha familia e as relacións entre eles.
O primeiro paso para facer a nosa árbore xenealóxica é facer unha lista con todos os familiares que queremos incluír e pensar as relacións de cada un dos membros.
Para debuxala, debemos ter en conta algunhas cousas:
– Os fillos e as fillas únense aos pais e/ou nais cunha liña de arriba a abaixo.
– Os irmáns e irmás sitúanse, máis ou menos, á mesma altura.
– As parellas van unidas por unha liña de dereita a esquerda.
– As parellas que non están xuntas van unidas por unha liña dividida en anacos.
– Os fillos e fillas dunha parella saen da liña que une esa parella.
– Cando unha persoa ou unha parella ten máis dun fillo ou filla a liña divídese para cada un deles.
A modo de exemplo, déixovos unha árbore xenealóxica dunha familia calquera, pero cada familia é diferente e hai tantos tipos de árbore como familias existen.