Delibes universal

AG.- A  lectura en voz alta é cada vez máis importante, tendo en conta cara a onde camiña a sociedade. O alumnado perdeu a costume de ler en voz alta e iso nótase cada vez que se teñen que poñer diante dunha cámara para falar. A velocidade, a dicción e a entoación apenas se traballan noutras materias que non sexan as linguas e mesmo nas linguas, esta práctica perdeu bastante terreo.

A vergoña e o temor a facelo mal, a trabucarse nalgunha palabra fan que o alumando, sobre todo en secundaria, sexa cada vez máis reticente á hora de ler na clase.

Pois traemos unha actividade que pode animar o alumnado a ler.

Desde a biblioteca Safo do IES Espiñeira, con motivo do centenario do nacemento de Miguel Delibes, invitaron toda a comunidade educativa do centro a ler un fragmento deste autor tan universal.

A prosa de Delibes ten unhas características perfectas para poñer en práctica a lectura en voz alta. A súa peculiar relación cos símbolos de puntuación fan que o alumando deba facer un exercicio de comprensión para elixir onde considera que van os puntos e as comas; o seu léxico rico fai que a lectura necesite un grao alto de atención; a viveza dos seus diálogos obriga o lector a dramatizar o texto achegándolle onomatopeas que o enriquecen.

Neste caso, para facer máis patente a universalidade deste autor, neste IES optaron por traducir eles mesmos os textos orixinais do castelán a outras linguas: ao galego, ao francés, ao italiano, ao alemán e…. ata ao árabe! Aproveitaron así a riqueza lingüística da que dispoñen e animaron a facer esa lectura en voz alta en todas as linguas posibles, con todos os valores que isto leva consigo.

Unha actividade estupenda para poñer en práctica en todos os nosos centros.

Aquí vos deixo o resultado. Unha marabilla.

https://drive.google.com/file/d/1EchmFI0POrClQF6pBNJop14cF9S-KNdB/view?usp=sharing


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *