As tarxetas falangueiras das profesións
AG.- Hoxe, a mestra Fátima Rúa, quere compartir con vós unha actividade pensada para Ciencias Sociais. Nela traballaredes os oficios e as profesións.
Consiste nunhas tarxetas con pictogramas e nomes das distintas profesións, vencelladas ao contorno próximo das crianzas. Por exemplo, a escola, o barrio ou a cidade na que viven. No dorso delas hai un cadrado para debuxar e un espazo para escribir.
Este lado das tarxetas podémolo empregar, por exemplo, para debuxar e escribir a mesma profesión cambiando o xénero. As profesións aparecen nun só xénero, masculino ou feminino, intentando manter a paridade e evitando estereotipos sexistas. Tamén, podemos relacionar as profesións con obxectos ou máquinas que están relacionadas con elas.
Se plastificamos as tarxetas e empregamos rotuladores para encerado branco, podemos reutilizalas tantas veces como queiramos!
Na aula, poden servirnos para xerar debate sobre as profesións e os estereotipos de xénero, pero tamén podemos empregalas na casa para repasar as profesións e o vocabulario relacionado, traballar a lectoescritura…
Esperamos que vos guste esta actividade!