Cando a vida nos fai invisibles: “Fantasmas de luz” de Agustín Fernández Paz

AG.- Chegados os tempos da reflexión crítica e a análise do que nos está a acontecer tras esta pandemia, agora que xa temos abertas librerías e bibliotecas (visitádeas, por favor) propóñovos achegarnos a un clásico da nosa LIX: o noso querido Agustín Fernández Paz, unha escolla literaria sempre positiva para todas as idades.

A súa obra Fantasmas de luz é unha novela que destaca polos valores que nos transmite e polo pracer de achegarnos ao mundo do cine (que tanto amaba o noso autor); a historia que relata é a dunha crise personalizada no protagonista, Damián, e a súa dona; as crises parecen que pasan por nós como no cine (as económicas e as sanitarias) ata que lles poñemos unha cara e un nome, e Damián, que vén de perder o seu traballo como operador de cine, pouco a pouco, vaise desdebuxando, facéndose invisible para a sociedade. As vítimas da pandemia transfórmanse en números e á forza de escoitalas vanse tamén diluíndo, desaparecendo se non lles poñemos nome e cara. A urxencia coa que vivimos esixe seguir adiante e esquecer, facelas invisibles.

Esta novela axuda a identificarnos e a identificar os que camiñan ao noso carón, a acompañar as vítimas (da pandemia ou da crise económica), a sentilas presentes á hora de tomar decisións sobre o modelo de vida e de sociedade que desexamos.

A proposta para esta lectura (xogando coa invisibilidade e co cine) consiste en seleccionar unha escena significativa da novela, representala e gravala en vídeo; deberemos solucionar problemas sobre como representar as fantasmas de luz ou a adaptación do texto de Agustín Fernández Paz (crear un guión adaptado), ferramenta, formato, móbil e a ver que sae… Un consello: pensade en xogar con espellos, coa luz indirecta e cos planos previamente á gravación. E para realizar a gravación podedes seguir estes consellos publicados en Aulas Galegas: Grava e edita curtas co teu móbil.

Para completar este xogo de cine, dous valores engadidos; neste libro podedes dar un paseo polo mundo do cine clásico acompañados de Agustín Fernández Paz (o apéndice da novela é unha alfaia para os amantes do bo cine)  e  polas marabillosas ilustracións de Miguel Anxo Prado- .

Gozádea!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *