‘A lebre mecánica’ de Ledicia Costas
AG.- Recibimos unha nova colaboración de Lorena Domínguez Mallo, profesora de Lingua galega e literatura no IES de Brión.
Nesta ocasión vainos falar de A lebre mecánica de Ledicia Costas.Corvo é un adolescente normal ao que lle encanta ir á pista de skate, sobre todo para ver a Raio no monopatín ou a Bunny Hop na BMX. No entanto, dun tempo a esta parte, a súa vida complicouse e, sen pretendelo, puxo un muro entre el e os seus amigos, a súa moza Nana e mesmo o seu irmán. E pensar que todo comezou por querer botarlle unha man a Kike, que precisaba da moto para traballar e axudar economicamente na casa… Ás veces as cousas pasan así, tórcense, e logo non hai maneira de volvelas endereitar. Coas apostas sucede o que co mar nunha praia descoñecida: cando queres decatarte, xa non fas pé.
Esta novela breve de Ledicia Costas fala do amor, da amizade, das relacións familiares, das paixóns que nos moven e, tamén, nun lugar moi destacado, de como os mozos e mozas poden chegar ao mundo das apostas e da ludopatía. Faino desde a sensibilidade, desde o coñecemento profundo desa etapa vital tan intensa e sen renunciar ao toque poético de todo o que escribe. Trátase dunha lectura moi recomendable para concienciar os mozos e mozas do fácil que é perder o control en determinadas cuestións, pero tamén desde o punto de vista do puro pracer lector, pois, como di Nana nun determinado momento: “teño a seguridade de que hai milleiros de historias bonitas agardando por min”, tanto as da vida, coma as dos libros.
COSTAS, Ledicia: A lebre mecánica, de Ledicia Costas. Xerais. Vigo. Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2021.