Xano Cebreiro – Imos por Ames – VI Xornada de Onomástica Galega. A onomástica e o Camiño de Santiago

Presentación da secuencia didáctica.

AG.- A VI Xornada de Onomástica Galega reuniu no Museo de Pontevedra especialistas de distintos ámbitos que profundaron na onomástica a través do Camiño de Santiago.  No encontro investigador houbo dúas contribucións de María Carmen Liñares e Xano Cebreiro, que expuxeron as experiencias didácticas.

No instituto do Milladoiro o proxecto Imos por Ames apostou pola interdisciplinariedade partindo dos nomes dos lugares. Traballaron conxuntamente os departamentos de Lingua galega, Xeografía e Historia e Matemáticas, e mais o EDLG. O proxecto concibiuse como un xeito de integración do alumnado no medio ante o desarraigo e o descoñecemento da contorna, non só xeográfico e histórico, senón tamén lingüístico.

[Tirado do texto de presentación da web da RAG]

Captura dunha das actividades.

Xano Cebreiro, profesor neste momento no IES do Milladoiro, ten unha longa traxectoria na elaboración de materiais didácticos. Como ben di na presentación do seu relatorio exerce unha militancia na que todo o colectivo docente deberiamos estar.

“Milito na cultura da partilla fronte ao medo ou o receo

de compartir o que facemos nas aulas”

Convidámosvos a ver a súa intervención como un exemplo de integración do estudo toponímico a nivel curricular na ESO.

Queremos chamar a vosa atención non só sobre o traballo que hoxe presenta senón tamén sobre toda a súa páxina Remexer. Unha web que é ou debería ser un lugar de referencia para o profesorado de Lingua Galega e Literatura. Alí poderedes atopar valiosísimos materiais educativos para a nosa materia.

Presentación da páxina web.

As súas excelentes secuencias didácticas vannos ser útiles de dúas maneiras, en primeiro lugar para usalas e, en segundo lugar, máis importante aínda, como modelo no que aprender a facermos os nosos propios recursos. 

Captura da diapositiva que dá conta do modelo didáctico durante o relatorio.

Tres motivos polos que deberías coñecer estas secuencias didácticas:

  • A excelente organización na progresión didáctica
  • A actualidade e contextualización dos contidos no aquí e agora do alumnado
  • A calidade dos recursos seleccionados (vídeos, imaxes, textos) que en moitos dos casos son creados polo propio autor

Agardamos que esta publicación che sexa de utilidade e xa sabes: crea, leva á aula e comparte.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *