Tabú de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de ESO
AG.- Lorena del Palacio comparte con AG unha colección de tarxetas de termos e palabras prohibidas para seguir unha dinámica de xogo inspirada no famoso xogo do TABÚ de Hasbro Games. A colección completa abrangue conceptos relevantes que inclúen todo o temario da materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º da ESO.
- Imprimir as tarxetas (pódense imprimir en folios de diferentes cores), plastificalas e recortalas.
- Previamente ao seu uso na clase, o profesor ou profesora deberá elixir as tarxetas coas que se vai xogar en función do obxectivo perseguido (avaliación inicial ou repaso), dos contidos que se queren traballar (tema, bloque, temario completo) ou incluso do nivel da clase.
- Establecer grupos de 4-5 alumnos (o mínimo son 2, pero cada docente pódeo adaptar en función do número de alumnos e alumnas, dos espazos, etc.)
- En cada rolda, cada grupo elixe un vogal, que será o encargado de explicar o termo que o resto debe adiviñar. Os vogais irán cambiando en cada ronda do xogo, de forma que participe todo o mundo.
- Tamén hai que elixir un vixiante en cada ronda, que será o que controle o vogal do outro grupo para que non empregue ningunha das palabras tabú. Se hai máis de dous grupos, pode establecerse unha orde correlativa de vixilancia: na primeira ronda, o vixiante do grupo 2 vixía o vogal do grupo 1; a continuación, o vixiante do grupo 3, vixía o vogal do grupo 2; e así sucesivamente. Os vixiantes tamén poden ir cambiándose en cada ronda ou non, segundo prefira cada grupo.
- En cada tarxeta aparece un termo na parte superior, que é o que o vogal ten que describir para que o resto do grupo adiviñe nun tempo determinado (1 minuto, por exemplo; resulta de utilidade empregar un reloxo de area ou un cronómetro que se proxecte na pantalla da aula). Durante a explicación deste termo, non se poden empregar ninguha das 3 palabras prohibidas que aparecen na parte de abaixo das tarxetas (tampouco se pode empregar a palabra que hai que adiviñar nin ningún derivado de xénero ou número dela). O vixiante correspondente será o que dea aviso, se se incumpre esta norma.
- Se o grupo averigua unha palabra, queda coa tarxeta e pasa a xogar con outra; o proceso repítese ata que se esgote o tempo establecido. Ao final faise un reconto das palabras adiviñadas no período acordado e anótanse os puntos no taboleiro.
- Cada grupo pode pedir pasar de palabra unha única vez a súa quenda de xogo.
- Se o vogal emprega algunha das palabras tabú e o vixiante dá aviso, perde a tarxeta e pasa a xogar con outra nova.
- Ao finalizar o xogo, faise reconto de punto e gaña aquel equipo que teña maior puntuación.
Os termos empregados nestas tarxetas poden ser usados tamén para xogar a outros xogos tipo ‘Pictionary’ de Mattel ou ‘Que soy yo‘ de Falomir Juegos, adaptando as normas do xogo en cada caso.
Podedes descargar os pdfs para cada tema e o modelo en docx.
TABÚ 1º ESO_Animais invertebrados
TABÚ 1º ESO_Animais vertebrados.docx
TABÚ 1º ESO_Animais_Xeneralidades e funcións vitais
TABÚ 1º ESO_Minerais e Rochas
TABÚ 1º ESO_Moneras, protoctistas e fungos
TABÚ 1º ESO_Terra e Lúa TABÚ
Coma sempre excelente proposta para dinamizar as clases d e1º da ESO, e moi currado Lorena….PARABÉNS!
Grazas Ramón!