A Historia de Pepe e Pepa

“A historia de Pepe e Pepa” é un texto da socióloga Carmen Ruiz Repullo que se ten feito viral por axudar as adolescentes e os adolescentes a detectar casos de violencia de xénero por identificación ao reflectiren comportamentos desgraciadamente frecuentes na adolescencia.

Dende Aulas Galegas querémoslle dar as grazas a Olalla Liñares por realizar a tradución e ter a amabilidade de nola enviar para publicar no noso portal.

A historia de Pepe e Pepa

Pepa e Pepe son unha parella de dezaseis anos que leva dúas semanas saíndo. Tanto ela coma el
están estudando e por agora vense nas fins de semana, mais manteñen contacto polo móbil. Desde o
primeiro momento, Pepe mandoulle continuamente Whatsapps a Pepa preocupándose por ela e
expresándolle o seu amor. Porén, estas mensaxes son cada vez menos amorosas e máis
controladoras: onde estás?, que fas?, con quen estás?, a que hora nos vemos? Unha amiga de Pepa
dille que Pepe está moi pesado, mais Pepa pensa que é porque a quere e está moi pendente dela.
Un día Pepe enfádase con Pepa porque di que non lle contesta os Whatsapps no momento estando
ela en liña. Dille que el si que está pendente dela pero que ela non. Pregúntalle se é porque está
falando con outros mozos ou se é porque xa non o quere. Pepa dille que iso é mentira e que ela o
quere moito, así que desde ese momento non tarda en responderlle as súas mensaxes para
demostrarlle o seu amor.
Outro día, estando no parque, Pepe dille que lle preste un momento o seu móbil para ver unha cousa
no Instagram. Cando está mirando o móbil a Pepa chégalle un Whatsapp dun grupo de amizades do
instituto e quen escribe é un rapaz. Pepe moléstase e comeza a facerlle preguntas sobre o rapaz e
sobre o seu amor cara a el. Pepa dille que non está flirteando con ninguén, mais Pepe non a cre e
dille que se borre dese grupo e doutros nos que haxa rapaces para demostrarllo. Pepa, para
demostrarlle que non é infiel, acepta e bórrase deses grupos.
Máis tarde, Pepe pídelle a Pepa que lle dea os seus contrasinais das redes sociais, mais ela négase.
El dille que iso é porque oculta algo e está falando con rapaces. Pepa, de novo para demostrarlle que
non o engana, decide darllas.
O día do seu aniversario Pepa vai cear con Pepe. Ese día pon un vestido curto que lle regalaron,
pero Pepe ao vela dille que a van mirar todos os mozos e que a el iso non lle gusta; pregúntalle se o
puxo para provocar. Pepa dille que non, mais el pasa toda a noite enfadado.
Esa mesma semana, cando quedan despois do instituto, ela leva postas unhas mallas negras e el
coméntalle que lle marcan todo e que non lle gusta que as poña. Ela deixa de poñelas. A partir dese
momento, Pepe comeza a prohibirlle a Pepa determinadas prendas de roupa.
Pepa sobe así o primeiro chanzo da escaleira da violencia: o control da súa estética, das súas
amizades e das súas redes sociais.
Un venres Pepe pregúntalle a Pepa que van facer na fin de semana. Pepa dille que as súas amigas
quedaron para tomar algo. El dille que non lle apetece moito o plan, e ademais hai unha amiga súa
que non o mira ben e el séntese incómodo. Pensa que lle mete ideas na cabeza a Pepa para que non
siga con el. Pepa insiste en quedar coas amigas, pero Pepe pídelle teimosamente quedar a soas e así
coñecerse mellor. Finalmente Pepa acepta e queda con Pepe, tal e como fixo o resto dos días da
semana.
Un martes el chámaa para preguntarlle que está facendo. Ela dille que está preparando a mochila
para ir a Inglés. Pepe dille que está aburrido e que non sabe que facer. Ela dille que se quere a pode
acompañar a Inglés e así entretense un anaco. Cando chegan a onda a academia, Pepe dille que
quere falar con ela. Coméntalle que está moi namorado e que non quere sufrir, que ve que ela o está
menos e que non está dedicándolle á relación o mesmo ca el. Pepa dille que está moi namorada e

que non sabe a que veñen esas dúbidas, pois ela demóstrallo cada día. No medio da conversa
decátase de que xa é tarde e decide faltar a Inglés. Desde ese día, Pepe acompaña todas as semanas
a Pepa ás clases de Inglés. Cada vez ela falta máis por estar con el, ata que remata por deixar as
clases.
Pepa sobe así o segundo chanzo, illándose das súas amizades e das súas afeccións.
Na clase de Pepa van ir de viaxe de fin de curso a Italia. Ela está decidida a anotarse e coméntallo a
el pensando que non lle importará, pero a súa resposta é “ti verás o que fas”. Pepa non entende ben
a resposta, mais sabe que ir á viaxe lle vai traer consecuencias negativas para a relación, así que
decide non ir e poñerlle escusas ás súas amizades.
Por cuestións coma esta, os enfados de Pepe son cada vez máis habituais. Cando ela tenta facerlle
ver que non está actuando ben, el repróchalle que se el está mal é por culpa dela e polos seus
comportamentos.
Pepa sobe así o terceiro chanzo: chantaxe e culpabilización.
Pepe e Pepa levan xa catro meses de relación e dende hai un tempo el pídelle a ela ter relacións
sexuais. Ela di que non se sente preparada para algunhas prácticas, mais el insiste en que está canso
de facer sempre o mesmo e en que quere facer máis cousas. Un día, mentres ven unha película no
sofá, el comeza a tocala e ela pídelle que pare. El para, pero ao pouco tempo comeza de novo. A ela
incomódaa a situación e párao todo o tempo ata que el acaba enfadándose e marcha. Pepa vai atrás
del e dille que non se enfade. El dille que xa fai moito tempo que son parella e que se ela o quixese
llo había demostrar. Ela non sabe moi ben que facer, e inda que non está segura acepta manter
relacións sexuais para contentar a Pepe e non perdelo.
Pepa sobe así o cuarto chanzo: agresións sexuais baixo falso consentimento.
Un día, mentres van paseando pola cidade, ven que as amigas de Pepa están tomando algo nunha
terraza. Pepa hai moito tempo que non as ve, ponse moi contenta e vai correndo a onda elas para
saudalas. Despois dun anaco falando dáse conta de que el non se achegou, polo que se despide das
amigas dicíndolles que xa se verán outro día. Cando chega a onda el, Pepe dille que se comporta
coma unha parva, que parece unha estúpida cando está coas súas amigas e que non soporta esa
actitude. Ela séntese mal e dende entón non saúda as súas amigas con tanta efusividade, senón máis
comedida.
Pepa sobe así o quinto chanzo: desvalorizacións, humillacións e insultos.
Cada vez que están xuntos, Pepe enfádase ou peléxase con Pepa por algo que ela fai ou di que a el
non lle gusta. Un día ela, cansa dos seus enfados, dille que xa non pode máis e que teñen que falar.
El altérase moito e comeza a darlle patadas a un banco do parque. Ela asústase e intenta calmalo,
pero el comeza a insultala e marcha para a súa casa.
A semana seguinte Pepa vai á casa de Pepe para ver como está. Non lle contestou aos Whatsapps e
está preocupada. Cando chega comezan a falar do ocorrido a semana anterior. Ela volve dicirlle que
ten que cambiar, que hai cousas que lle fan dano. Nese momento soa o móbil de Pepa, un amigo da
clase chámaa para preguntarlle unha dúbida. Pepe volve alterarse moito, cóllelle o móbil e estámpao
contra o chan, rompéndoo. Ela marcha correndo moi asustada e dille que a relación rematou.

Ao día seguinte Pepe mércalle un teléfono novo e vai en busca dela para convencela de que siga con
el. Ela está moi doída pero el promételle que vai cambiar, que está moi alterado porque ten outros
problemas na casa. A ela dálle pena e decide darlle outra oportunidade.
Pepa sobe así o sexto chanzo: a intimidación.
Un día Pepa coméntalle a Pepe que esa fin de semana é o aniversario dunha amiga e que lle gustaría
ir. Sabe que a el non lle gustan moito as súas amizades, pero insiste porque ten moita gana de ir. El
dille que non, que non quere que vaia, que as súas amigas lle meten ideas raras na cabeza para que
deixe a relación. Pepa inténtao convencer e, como non é capaz, dille que irá igualmente. El enfádase
moito e comeza a insultala. Ela dille que xa non aguanta máis e marcha.
Cando chega á esquina da rúa ve que el a está perseguindo e comeza a correr. El alcánzaa e cando
ela tenta fuxir el agárraa fortemente do brazo. Ela insiste en marchar e para evitalo el cóllea do
cabelo e dille que espere. Pepa pregúntalle que está facendo. Pepe sóltaa e dille que non pode máis,
que a quere moito e que non pode estar sen ela. Pepa ponse a chorar e comezan a falar ata que Pepe
a convence de novo para non deixalo.
Pepa sobe así o sétimo chanzo: as agresións físicas iniciais.
Pepa sabe que a relación con Pepe non vai ben, mais non sabe que facer. Está confundida e decide
contarlle a unha amiga o que lle ocorre. A amiga dille que debe deixar a relación, que el non a trata
ben e que non pode seguir así. Pepa fala con Pepe e dille que precisa tempo, que está agobiada e
precisa pensar se quere seguir coa relación ou non. El dille que non pode estar sen ela, que se o
deixa se vai matar, que ela é o único que o entende.
Ao día seguinte Pepa saca de novo o tema. El empeza a dar cabezadas contra un banco dicindo que
non vai superar iso, que se vai quitar a vida. Suplícalle a Pepa que non o deixe, que vai cambiar.
Pepa sobe así o oitavo chanzo, o das ameazas.
Durante un tempo os conflitos desaparecen. Un día, mentres manteñen relacións sexuais, Pepe
pídelle a Pepa probar unha nova postura. Ela faino pero dóelle moito, non está tranquila e dille que
pare, que iso non lle gusta. El continúa e Pepa comeza a chorar, dicindo que non siga, que lle doe.
Cando Pepe remata, ela dille chorando que non lle gustou, que foi moi bruto e que non o faga máis.
El permanece calado.
Pepa sobe así o noveno chanzo: a agresión sexual con forza.
Desde ese día, a situación é cada vez máis insoportable para Pepa: chora a cada instante no seu
cuarto para que non a vexan, evita as súas amizades para que non lle pregunten e non a presionen
para deixar a relación… Non pode máis, así que decide dicirlle a Pepe que definitivamente quere
deixar a relación, que está farta e que a deixe en paz. Pepe enfádase moito e agárraa fortemente do
cabelo. Ela dille que a solte e marcha correndo, pero el vai detrás e cóllea polo pescozo. Pepa nunca
vira a Pepe tan alterado e ten moito medo de que lle faga dano. El comeza a agredila e golpéaa
fortemente nas costas.
Así é como Pepa sobe o décimo e último chanzo da violencia de xénero: a violencia física severa.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *