Día Internacional contra a Violencia Machista: documental Benvidas ao Club

AG.- No 25N, Día Internacional contra a Violencia Machista, compartimos o documental BENVIDAS AO CLUB de Carmen PG Granxeiro para reflexionar ao redor da importancia de comprender a economía desde unha visión crítica, cun enfoque de dereitos humanos.

Sinopse: “Esta é unha viaxe ao inferno onde centos de mulleres son vítimas da corrupción e da violencia, unha viaxe salpicada polas drogas e que ten lugar ao noso lado. A operación Carioca é a maior investigación contra a trata dada en España”.

A trata de mulleres, a corrución e a economía mergullada son pezas ligadas á prostitución e neste documental convídase desde a investigación do Caso Carioca a comprender unha parte dos datos que rodean un proceso que mostrou a vulnerabilidade de moitas mulleres explotadas baixo a complicidade de poderes públicos e empresarios de Lugo e Galicia.

Desde a óptica da ética económica, podemos reflexionar ao redor das causas e consecuencias da visibilización e invisibilización da explotación sexual e a trata de mulleres. Sabías que nos últimos anos a UE pediu aos estados membros que contabilicen as “actividades ilícitas” na medición do PIB? Realiza unha pesquisa para recoller os datos estimados en España e outros países da UE. Que actividades son consideradas ilícitas pola UE?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *