Recuperamos espazos para o libro galego e a lectura: FLIV ( Festival Virtual do libro de Galicia). Entrevista a Anna R. Figueiredo.

AG.- Unha vez transcorrido o tempo de confinamento, comezamos a desescalada coa urxente reactivación de moitos sectores básicos para a nosa sociedade; un piar para todos os galegos e galegas é a cultura e dentro dela o mundo do libro galego e a lectura. Xorden iniciativas coa fin de rexenerar, pór en marcha de novo este ámbito da cultura galega que é un dos pés que conforman a nosa identidade. Entre estas prácticas achegámonos ao FLIV ( I Festival Virtual do Libro de Galicia) que se vai celebrar do 26 ao 28 de xuño a través de internet. Para saber algo máis do FLIV fixemos unhas preguntiñas a Anna R. Figueiredo, unha das promotoras desta iniciativa:

Como naceu FLIV? Cal é o seu obxectivo?

O FLIV naceu desde o confinamento. Neses días nos que estabamos pechadas e só quedaba a cultura para ter as ferramentas nas que escapar dos valados que nos pechaban. A cultura sempre estaba aí, e as creadoras, para pensar, para aprender e para entreter. Nacho Alonso (Datalib) e máis eu pensamos que era o momento de levar tamén ás redes que nos mantiñan en comunicación todo aquilo que desde o confinamento botabamos de menos na cultura, a accesibilidade, a visión, o compartir diálogo e experiencias. Facer por reinventármonos e saír adiante.

O seu obxectivo é dar a coñecer diversas propostas culturais que teñen en común o formato libro, por iso propomos mesas redondas, conferencias, clubs de lectura, presentacións, recitais desde propostas máis innovadoras, cultura en rede… e sobre todo a posibilidade de “ir ao FLIV” desde calquera punto da xeografía mundial e case que a calquera hora, porque unha vez emitidos, os contidos quedarán na nosa plataforma web ata o próximo evento. O FLIV quere convidarnos a todas a descubrir o teatro, narrativa, poesía, BD, ilustración galega, sen as ataduras do espazo xeográfico ou o marco temporal.

A que público vai dirixida esta iniciativa? Hai espazo para os escolares? E para familias?

Vai dirixido a todos os públicos, por suposto. Para as escolas temos unha mesa redonda específica, malia que cremos que unha escola pode atopar moito de interese en todas elas, que vai encamiñada a tratar os temas de animación á lectura e clubs de lectura nas bibliotecas escolares. Teremos tamén presentacións de LIX, faladoiros con autores e autoras dos favoritos da rapazada (e das adultas que lemos con elas e eles) e o máis importante, se somos quen de ver eses faladoiros na hora oficial do programa, poderemos interactuar con eles a través dunha ferramenta chat para facerlles chegar as nosas preguntas e inquedanzas sobre a súa obra.

Tamén nos fai especial ilusión de cara a todas as que temos unha intensa vida familiar ou a aquelas persoas que desde as aulas de ESO, FP ou BACH procurar unha visión nova de expresión a través da arte, a sección TEATRO INTERRUPTUS na que as creadoras das dramaturxias nos darán unha degustación dos seus textos para coñecer mellor a disciplina teatral.

Ademais haberá tres cursos online, un de maquetación por se queremos aprender a facer os nosos propios contos ou historias de xeito profesional, un de recitado e un de escrita creativa nos que poderemos participar vía inscrición previa, con mestres e mestras da palabra e do deseño. E, por suposto, unha exposición permanente arredor da figura de Carvalho Calero!

Como podemos acceder ás distintas actuacións que se van desenvolver? Que tipo de tecnoloxía precisamos para poder asistir á feira?

Para acceder ao FLIV só precisamos un aparello que se poida conectar a internet. Todas as actividades se desenvolven a través do noso portal virtual (http://fliv.gal), que nós consideramos coma un gran teatro na rede, e que consta de: auditorio (Xulio Amigo), aula de docencia (María Barbeito), dúas salas de xuntanzas, unha cafetería e unha zona de escaparate onde poder pasar o tempo entre actividade e actividade rebuscando entre as novidades editoriais do momento, que serán expostas polas propias autoras e autores. Durante estas semanas imos descubrir pouco a pouco as distintas actividades a través das nosas redes en facebook (FLIV 2020), twitter (@FlivOficial) e instagram (@fliv2020).

Poderemos escoitar, falar cos escritores e escritoras de LIX que participan, facerlles preguntas?

Si, independentemente do momento no que se emita o acto coa autora ou autor, desde o día 22 de xuño podemos deixar preguntas para eles no portal web a través da ferramenta de chat, animádevos!

Poderías recomendarnos algunhas das sesións e as franxas de idades para as que van dirixidas?

Veña, imos soltar unha primicia! Por suposto eu recomendaría o faladoiro con Ledicia Costas sobre o seu último libro Vampira de biblioteca para a rapazada dos último ciclo de primaria e o primeiro da ESO; para segundo ciclo da ESO e mais Bach/FP eu recomendaría os clubs de lectura de Antía Yáñez (Be water) ou Pedro Feijoo (Un lume azul) ou o recital de #Spokenword (ou #Palabrafalada) que dá unha visión da poesía un pouco descoñecida para as que transitan por estas idades e para os pequenos o Amani de Miguelanxo Prado.

Para as adultas da casa, ademais destes, eu convidaríaas a coñecer algo máis da nosa cultura e do centenario de Nós a través da marabillosa Malores Villanueva na súa conferencia ou a investigar e abrirlle a porta ao teatro e áa BD ou sobre a novela negra galega da man de Mercedes Corbillón, Diego Ameixeiras, Arantza Portabales e Domingo Villar. E para as máis adultas, coido que hai moito de interese nas presentacións d’O libro da Filla (Inma López Silva) ou Misterios (e Virtudes) de Xesús Fraga. A verdade é que resulta moi difícil seleccionar porque todas as seccións se fixeron e programaron con grande entusiasmo e cariño.

Participantes no FLIV

Cres que esta feira axudará á recuperación do mundo do libro en galego?

Creo que a recuperación do mundo do libro en galego depende de todas e todos, así que espero que o FLIV poña o seu gran de area en animarnos a ler en galego, a crear en galego e a vivir en galego. Sobre todo a coñecer as nosas librerías locais onde se vive un FLIV todo o ano coas recomendacións das libreiras e libreiros e o traballo que se fai por nos achegar ás lectoras e lectores á cultura.

Estou segura de que independentemente do que nos agrade, hai polo menos unha proposta no FLIV que será do noso agrado e paixón, pero temos que ser todas e todos as que demos un paso adiante e nos atrevamos a descubrir ese anaquiño de literatura (no formato que sexa) no que igual no día a día non reparamos tanto. Seguro que se vos atrevedes a lle dar unha oportunidade, gañamos todas. Vémonos no FLIV? (#FLIV20, #ÁbrelleAPortaÁCultura).

——-

O FLIV, organizado pola escritora e xestora cultural Anna R. Figueiredo, o espazo web Fervenzas Literarias e a empresa Datalib, conta asemade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Para completar esta información que amablemente nos proporcionou Anna R. Figueiredo, a nosa práctica lectora de hoxe consiste en dar un paseo virtual pola páxina de FLIV, pescudar no seu programa, ver as fotografías dos participantes (sei de certo que ides atopar caras coñecidas e queridas) e finalmente apuntarnos a algunha das moitas posibilidades sobre LIX e sobre lectura que se nos ofertan. Nos esquezades convidar ao festival as vosas familias e amizades!

Gozade desta festa virtual dos libros!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *