8 de xuño, Día Mundial dos Océanos
AG.- Este 8 de xuño celébrase o Día Mundial dos Océanos, que ocupan o 70 por cento da Terra e son amenazados polo cambio climático, a sobrepesca, a presenza de plásticos e a explotación de petróleo.
Este ano o lema das Nacións Unidas enmárcase na Axenda 2030 de desenvolvemento sostible, e propón o tema da “Innovación para un océano sostible”.
O obxectivo é procurar a cooperación internacional para salvar o planeta a través dos avances científicos e tecnolóxicos para que se logren os cambios que axuden a salvar ao planeta Terra. Unha das propostas é crear grandes reservas mariñas, zonas protexidas da pesca intensiva e doutros tipos de explotación dos recursos naturais para axudar a mitigar os efectos do cambio climático.
A ONU, xunto co Oceanic Global, organiza un evento en liña no que se presentarán tecnoloxías e avances científicos que poderían aplicarse para minimizar o impacto do dano que sofren os mares e os océanos.
Desde AG animámosvos a seguir estas conferencias, que son o preámbulo ao Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible que estará activo do 2021 ao 2030, para fortalecer a cooperación internacional e desenvolver a investigación científica e as tecnoloxías innovadoras que poidan conectar a ciencia oceánica coas necesidades da sociedade e do planeta.
Premendo na imaxe podedes acceder aos eventos :
Galicia posúe o potencial científico necesario para impulsar e dinamizar a investigación, a docencia e a transferencia de coñecemento excelente nas ciencias e tecnoloxías do mar, tal como nos indica Daniel Rey, de Campus do Mar neste excelente artigo.