Teledocencia: indicacións e trucos (III)
AG.- Xurxo Fernández-Nóvoa segue dándonos indicacións para mellorarmos a lingua dos noso textos.
Sistemas operativos
Titorial sobre como pór o Mac OS X en galego: https://www.youtube.com/watch?v=3magVewW7KQ
Procesadores de texto e correctores ortográficos
Estamos a escribir un texto en galego? Para evitarmos erros debemos utilizar un corrector ortográfico que nos marcará as palabras que non existan en galego (mais non as sinalará se están mal utilizadas).
• Se estamos a utilizar un procesador de textos de Microsoft Office ou Open Office: seleccionar todo, na barra inferior facer clic no idioma e escoller galego.
• Se usamos Mozilla debemos descargar o corrector (botón dereito no cadro de texto, descargar dicionario) para que nos funcione o corrector en galego.
Outro xeito de comprobar se o texto está escrito correctamente é, dentro do noso procesador de textos, ir a: Ferramentas>Idioma>para todo o texto>galego. Deste xeito, as palabras incorrectas, os erros na acentuación, etc. aparecerán subliñadas en vermello. Mesmo existe a posibilidade nos propios procesadores dunha revisión ortográfica do texto, que nos vai ir dando alternativas a eses erros detectados: Ferramentas > Ortografía.
Evidentemente, o programa por si só non vai ser quen de detectar e corrixir todos os erros nun texto, mais é dunha grande axuda para mellorarmos -e moito- o resultado final (para o procesador “esta” e “está” están escritas correctamente, ao igual que, por exemplo “da” / “dá”, “repartira” / ”repartirá”, “e” / “é”, etc. Porén, sabemos que teremos que escoller entre unha e outra dependendo do contexto; ese é o noso labor, insubstituíbel até agora por unha máquina).
Nesta ligazón da Galipedia podedes ver como mellorar a ortografía .
Dade unha vista de ollos nisto. Neste titorial do Servizo de Normalización da USC, en 5 minutos explican como descargar, instalar e activar os suplementos temáticos que melloran o traballo que fan os correctores ortográficos cando revisas un documento en galego.
Nesta páxina podedes descargar e instalar o paquete libre office de código aberto para Windows, Macintosh e Linux, que inclúe 6 aplicativos ricos en funcionalidades para todas as necesidades de produción de documentos e procesamento de datos: Writer, Calc, Impress, Draw, Base e Math.