O reto dos pangramas
AG.- Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e -gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. A súa finalidade é inicialmente práctica: ensaiar nun enunciado breve a escrita de todas as letras. Os pangramas máis chamativos son polo xeral os que usan o menor número de letras. Daquela, construír un pangrama que repita letras o menos posible resulta unha tarefa desafiante.
Resulta bastante coñecido este da lingua inglesa, de 26 letras: The quick brown fox jumps over the lazy dog. («O rápido raposo marrón salta sobre o can preguiceiro»).
E en galego? Pois temos varios. Na Galipedia ofrecen algúns exemplos:
Aqueles chimpancés xogan outra vez coa fabada no baño. (45 letras)
O verdugo do bolxevique tomou pasta, unha noz e café. (42 letras)
Fíxate, o mesquiño bacharel pide vinganza. (35 letras)
A nosa proposta lúdica de hoxe é sinxela: crear pangramas, canto máis curtos mellor. Es quen de bater o récord de 35 letras? Ben se pode, sen máis, usar papel e boli: anotar nun folio en branco as 23 letras do noso abecedario e riscar as que imos usando ao escribir os pangramas. Ou ben usar este xerador automático en inglés do que só hai que ir eliminando as 23 letras de noso.