Teledocencia: indicacións e trucos (I)
AG.- Vai avanzando o curso e, para seguirmos mellorando, imos facer unha serie de publicacións de aspectos que se deben ter en conta.
Xurxo Fernández-Nóvoa achéganos unha serie de propostas.
1 – Configuramos en galego a nosa conta de correo.
A primeira ten que ver co correo electrónico e o primeiro que temos que facer é configuralo en galego, se non o fixemos xa:
Todo o profesorado dispón dun correo corporativo da Consellaría de Educación que ten a obriga de consultar porque é o principal medio de comunicación entre nós e os nosos centros e a Consellería. Os seus enderezos rematan en @edu.xunta.gal
2 – Netetiqueta co noso alumnado
A segunda proposta fai referencia ao xeito de enviar as nosas mensaxes de maneira que sexan ben recibidas:
• Identificación do profesorado: o noso alumnado debe recibir as nosas mensaxes ou ben dende o correo corporativo ou ben dende outra conta (pensemos que estamos traballando con Google Classroom) na que sempre ten que estar clara a nosa identificación con nome e apelidos.
Do mesmo xeito, cando non se teñan contas de correo de centro (como as que lle fan algúns centros educativos ao seu alumnado) debemos esixirlle ao noso alumnado (se ten a idade abonda) unha conta con identificación plena, isto é, na que nome real e apelidos aparezan como usuario do tipo nomeapelidos@dominio, é importante que se acostumen a saber que hoxe precisamos unha conta de traballo e/ou estudos, independentemente doutras contas que poidamos ter para a nosa vida privada.
• Nome e grupo no asunto do correo: é vital que cada alumna/o se presente cando se comunique co profesorado, indicando nome completo e grupo, preferibelmente no asunto do correo. Esta necesidade aínda é moito maior cando non escribides desde enderezos electrónicos propios. Exemplo: Antón Pereira Souto-2oC. Tarefas abril.
• Correos con arquivos adxuntos: na medida do posíbel, intentade enviar as tarefas e arquivos anexos nun correo electrónico, ou no menor número deles. É dicir, se tendes que enviar 5 exercicios, evitade enviar 5 correos electrónicos; o axeitado é enviardes 1 correo cos 5 adxuntos. Como podemos tentar enviar oitos anexos nun só correo?
➢ Se usas Gmail, e os adxuntos que envías “ocupan” moito, automaticamente enviaranse os arquivos a través dunha ligazón a Drive, que é un comparto en liña (unha especie de nube).
➢ Se tes varias imaxes, en formato PDF podes “unilas”. Con este programa en liña e de balde, podes unir, separar e facer un lote de cousas: https://www.ilovepdf.com/pt. Hai moitos programas semellantes, podes optar polo que máis che preste.
Non esquezas procurar en spam se non dás atopado algunha mensaxe que teoricamente xa che foi enviada por alguén.