Pra vós a verdade
AG.- Ugia Pedreira agásallanos con esta versión musicada do poema de Ricardo Carvalho Calero. Abride ben as orellas porque vos sorprenderá!
Agora que a escoitastes, aquí vos deixamos o poema para que gocedes da súa lectura e ao mesmo tempo propoñémosvos que, a partir de “¿Quen ainda sabe cómo son as cousas?”, fagades un texto reflexivo sobre estes tempos que estamos a vivir e os cambios (ou non) que haberá despois do acontecido esta tempada viral.
PRA VÓS a verdade,
pra min a beleza;
pra vós o conceito
e pra min a verba.
¿Quen ainda sabe
cómo son as cousas?
Eu a canzom levo
como flor na boca.
Guerreiros formosos
arcanjos do certo,
que as brancas espadas
cravades no ceo.
Cara a Deus vivedes
como en Deus eu vivo.
Vós interrogades
mentres eu admiro.
Do mundo enigmático
querés o segredo.
Eu canto, pueril
o que non comprendo.
(Poema de Anjo de Terra (1950) recollido por Pilar Pallarés en Beleza, verdade da editora Chan de Pólvora (2020))
Para saberdes máis sobre Ugia e os seus proxectos: AoficinaMOV e A Pedreira.