Diario de Ana Frank, cando unha moza escribe
AG.- A nosa colaboradora, Olga Rodríguez, directora do CEIP Milladoiro de Malpica, proponnos coñecer mellor unha obra xuvenil indispensable: o Diario de Ana Frank.
Anne recibe de seus pais, como agasallo do seu 13 aniversario, un diario persoal. Ela tiña expresado o seu desexo de ter un.
Anne pertence a unha familia xudía e, para escapar da persecución nazi, ocúltanse nunha bufarda xunto con outras persoas, co fin de non seren descubertos e salvar a vida.
A rapaza escribe desde o día que recibe o caderno. Lévao consigo cando se teñen que ocultar e úsao coma confidente durante todo o confinamento.
O rocho no que transcorre o encerro tiña unha pequeña fiestra desde a que podía verse un anaco de ceo e tamén as pólas dunha árbore. Mirando por ela, Anne asiste ao paso das estacións coma nunha sucesión de imaxes. Son diapositivas que marcan o pulso dun mundo que seguía o seu curso mentres a vida dela está detida.
A escrita cobra aquí todo o seu valor terapéutico, balsámico, para aliviar o peso dese súpeto cambio que a vida lle puxo diante.
O Diario foi publicado unha vez rematada a guerra polo pai de Anne e, desde o comezo, foi un libro moi solicitado, moi lido e moi vendido. Ata nós achegouno a Editorial Kalandraka que, nunha magnífica tradución de Tomás Ruibal, puxo á nosa disposición este texto universal.
Aquí, podes ler as páxinas que a editorial nos ofrece.
E, se queres ver a bufarda na que Ana estivo encerrada, podes ver este vídeo
Cada vez que escoitei falar de xente recluída, con medo a ser descuberta por un inimigo… sempre veu esta historia á miña cabeza. E talvez estes días poidamos atopar algún paralelismo coa situación actual.
Para que vexas que ti non es a primeira persoa que, en confinamento, escribe un diario.
Que? Que non o comezaches aínda? Pois…, agora pode ser o momento.
Ánimo!
(A imaxe procede da páxina da editorial).