Alimentos con propiedades

AG.- Nesta ocasión, a mestra Isabel Fraguela Santos propónnos unha actividade para traballar coa propiedade conmutativa e asociativa. Para poder realizala, precisaremos alimentos que sexan facilmente manipulables (uvas, froitos secos, amorodos…).

En primeiro lugar lavaremos ben as mans. A continuación, colleremos dous alimentos diferentes que se poidan contabilizar. Por exemplo, uvas e arandos.

Colocaremos a cantidade desexada deses dous alimentos enriba da mesa e faremos o signo da suma con dous escarvadentes, por exemplo, entre ambos.

A continuación sumaremos e poñeremos o signo do igual. Por último, engadiremos o resultado co número total de elementos.

Exemplo: 8 uvas + 6 amorodos = 14 

A continuación cambiaremos as froitas de posición e calcularemos o resultado, comprobando que o total non varía. Deste xeito estarase cumprindo a propiedade conmutativa.

Esta actividade pode facerse tamén con tres elementos, sumando primeiro dous e despois un terceiro e combinalos de todas as maneiras posibles comprobando que tampouco varía o resultado inicial. Deste xeito estarase cumprindo a propiedade asociativa.

MAXIA? NON… MATEMÁTICAS!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *