Os antepasados da vide

AG.- De igual xeito que os lobos están emparentados cos cans despois de se converteren en animais domésticos, os antepasados silvestres dos cultivos están emparentados coas plantas cultivadas na actualidade.

 Poñamos o exemplo da vide. A especie silvestre é unha liana leñosa que trepa por outras árbores. Unha das súas principais diferenzas coa vide cultivada é que se trata dunha planta dioica, isto significa que hai plantas con flores masculinas e outras con flores femininas. As parras femininas producen acios pequenos con bagos que teñen apenas un centímetro de diámetro, case sempre de cor negra e posúen un sabor acedo. A vide doméstica ten flores hermafroditas, con acios grandes e bagos de tamaño homoxéneo, que maduran á vez, de sabor doce e poden ter diferentes cores segundo a variedade.

A vide silvestre transformouse na vide que coñecemos hoxe en día polo proceso da domesticación. Cando falamos de domesticación dun cultivo, estamos a referirnos a un proceso moi longo no cal os humanos foron cambiando gradualmente os trazos das plantas silvestres mediante a selección e a mellora de certos caracteres, tanto intencionadamente como non intencionadamente. Algúns exemplos desta “síndrome da domesticación” son o incremento no tamaño da planta ou da parte colleitada polos humanos, a perda de mecanismos de dispersión e de dormancia das sementes, ou os cambios na composición de metabolitos secundarios.

Volvendo ao caso sa vide, sabemos que nalgún momento  produciuse unha mutación de exemplares masculinos en hermafroditas que ao teren as súas flores completas, serían autofértiles e acadarían un maior éxito na fecundación e polo tanto terían mais froitos (bagos) nos seus acios. Estas plantas hermafroditas serían seleccionadas polos humanos que as propagarían vexetativamente noutros lugares, deixando de recoller simplemente os seus froitos e iniciando deste xeito o seu cultivo. 

A domesticación dos vexetais tivo como primeiro obxectivo o de fixar nas poboacións de plantas cultivadas algunhas características morfolóxicas, biolóxicas ou bioquímicas desexables dende o punto de vista antropocéntrico. Isto conduciu á creación de vexetais, que a diferenza dos seus parentes silvestres, necesitan a intervención dos humanos  para a súa propagación e supervivencia.

Pero as variedades tradicionais e os exemplares silvestres das nosas plantas cultivadas son un tesouro que debemos preservar. Estas plantas conteñen unha importante diversidade xenética  que pode ser aproveitada para conferir ás variedades de cultivo unha maior resistencia fronte a pragas, enfermidades e fronte a outros estreses abióticos como a escaseza de auga ou o frío. Nos parentes silvestres dos nosos cultivos agóchase a chave da produtividade e a resiliencia da agricultura do futuro que se desenvolverá nun contexto de cambio climático.

Pilar Pago Montaña

Misión Biolóxica de Galicia- CSIC


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *