Xincana Xeolóxica
AG.-
A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, historia e demais características. En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a península Ibérica. Ao longo da súa historia xeolóxica nos territorios que hoxe son Galicia producíronse choques continentais, que orixinaron supercontinentes (panxeas), roturas destes que orixinaron as costas oceánicas que existen hoxe e oroxenias, que deron lugar ás nosas montañas hercinianas, que foron erosionadas durante millóns de anos e posteriormente elevadas de novo durante a oroxénese alpina.
A cidade da Coruña pertence, dende o punto de vista xeolóxico, á Zona de Galicia-Tras-os-Mostes que comprende toda a zona centrooccidental e sur de Galicia, desde as fallas de Valdoviño e Laza e o acabalgamento de Verín ao leste. Acabalga sobre a zona Centroibérica. Os graos de metamorfismo e plutonismo son os maiores de Galicia. Interprétanse como fragmentos da codia oceánica (ofiolitas) e de arcos volcánicos, talvez orixinados como sutura do peche do océano Reico e acreción dos materiais durante o choque continental. Pode dividirse en dous grandes dominios e varios complexos.
Dentro desta zona estaría dentro do Dominio dos complexos alóctonos, e mais en concreto correspondería ao Complexo de Ordes (formado por rochas ultrabásicas e sobre elas os xistos de Ordes).
Dende o IES Rafael Dieste, chéganos unha proposta didáctica de Xincana Xeolóxica, da man da profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Marisa Castiñeira, aproveitando a contorna do centro e os materias presentes no laboratorio. A través desta proposta o grupo de alunnos/as terán que ir resolvendo as cuestións formuladas, e ir engadindo os puntos acadados.
Para comezar preme e sorte!
Como foi? Comparade o voso resultado coa solución.
CURRICULO: Bioloxía e Xeoloxía 1º Bacharelato (Bloque 7. Estrutura e composicíon da Terra); Xeoloxía 2º Bacharelato (Bloque 2. Minerais: os compoñentes das rochas, Bloque 3. Rochas ígneas, sedimentarias e metamórficas, Bloque 9. Xeoloxía de España).
PROPOSTA REALIZADA POR: Marisa Castiñeira do IES Rafael Dieste.
FONTES: Galipedia.