En Segredo

AG.- Para moitas/os de vós seguro que é descoñecido o labor que se fai nos centros de atención ás persoas maiores. En moitos casos a visión que se ten desta realidade, cun certo paternalismo ou maternalismo mal entendido, non é a correcta. Debemos pensar que estamos diante de persoas coma calquera de nós coas súas historias detrás e tamén as súas iniciativas.  Estes son os elementos cos que traballamos diariamente como profesionais, téndoos presentes para satisfacer as súas necesidades e proxectos de vida. Por iso, hoxe queremos deixarvos unha mostra disto a través da curta En Segredo.

En Segredo é unha curtametraxe creada, planificada, interpretada, producida e post producida polas persoas maiores, familias e profesionais que conforman o Centro de Día Público do Porriño.

A idea xorde tras unha proposta por parte das persoas usuarias do centro e que amplía deste xeito varios programas que xa tiñan en marcha. O proxecto serve para lle dar visibilidade ás súas historias de vida, amosando o que foron, o que son e o que lles gustaría chegar a ser.

A peza plasma de forma ficticia, aínda que inspirada nas historias de vida dos maiores do centro, a traxectoria vivencial de dúas mulleres dende a súa mocidade na posguerra ata a actualidade.

Con esta proposta temos un duplo obxectivo, dunha banda o do goce de ver a peza e reflexionar sobre a súa mensaxe, e doutra, a posta en valor do nivel de implicación e traballo por parte dos maiores, profesionais e familas deste centro en concreto e dos centros deste tipo en xeral. Queremos que esta sexa unha homenaxe para todas elas e eles.

Aquí tedes tamén o making off da curta, unha mostra do traballo e a ilusión deste proxecto de centro.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *