Como ver o invisible III: a forma das galaxias

AG.- Pensaches na solución para poder saber a forma verdadeira dunha galaxia? Coma sempre na ciencia hai que “mirar con mil ollos”.

Teremos que mirar non só para unha, senón para millóns de galaxias. Se varias galaxias próximas están alongadas na mesma dirección, é moi pouco probable que, por casualidade, todas teñan a mesma forma e apunten ao mesmo sitio. Nese caso, saberemos que estamos a observar esas galaxias a través dun lente. E, polo tanto, que estamos vendo, indirectamente, a invisible materia escura.

Na última década foi posible observar o ceo como nunca antes, grazas a grandes avances tecnolóxicos e científicos, e a importantes investimentos por parte de gobernos de varios países. Un exemplo disto é a Dark Energy Survey, abreviado como DES, unha colaboración de varias institucións académicas en múltiples países, incluídas varias españolas, que utilizou o Telescopio Víctor Manuel Blanco en Chile para observar aproximadamente 300 millóns de galaxias, empregando unha técnica chamada fotometría.

Grazas á gran cantidade de imaxes obtidas e aos avanzados métodos estatísticos empregados, DES logrou, entre outras cosas, crear un mapa da materia escura vista dende a nosa galaxia. O mapa da figura 3 amosa a cantidade de materia escura que hai en diferentes direccións do ceo. As zonas azuis son áreas con menos materia escura, e as zonas vermellas, con máis. Seguro que se estás vendo esta imaxe, recordarache a algo, como cando ves as nubes e buscas formas. Moita xente pensa nunha arañeira. Por iso, coloquialmente, chamámoslle a arañeira cósmica (cosmic web en inglés).

Nos próximos anos, telescopios aínda máis potentes que DES mellorarán estas primeiras imaxes da materia escura, observando moitas máis galaxias con superior precisión. O noso obxectivo segue sendo descubrir de que está feito este misterioso e invisible compoñente do Universo, que é moito máis común que a materia que coñecemos. Quizais algún día, dende o noso pequeno planeta, poidamos descifrar de que está feito o Universo. De momento, por primeira vez, podemos ver o invisible.

Figura 3: Mapa da materia escura observado por DES. Imaxe: [Chang and the Dark Energy Survey Collaboration, 2018].

Para saber máis: [Chang and the Dark Energy Survey Collaboration, 2018] Chang, C. and the Dark Energy Survey Collaboration (2018). Dark Energy Survey Year 1 results: curved-sky weak lensing mass map. MNRAS, 475(3):3165–3190.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *