Cúpulas xeodésicas de papel

 AG.- Unha proposta de Luz Ramos e Xabier Lorenzo, profesores no IES de Brión.

Neste tempo de quedar na casa, nada máis apropiado que aprender algo sobre arquitectura, ou aínda mellor, poñermos literalmente mans á obra e crear o noso propio modelo dunha das estruturas autoportantes máis icónicas do século XX.

Propoñémosche construír unha cúpula xeodésica de papel. Para facela podes descargar e imprimir o recortable que aparece máis abaixo. Se decides coloreala, mellor faino antes de nada, logo recorta polas liñas negras, dobra polas liñas grises e pega as lapelas.

Podes crear texturas ou facer pequenas aperturas a modo de ventás e logo facer os vidros con papeis transparentes de envoltorios ou outros que teñas por casa.

Se queres compartir o teu resultado podes facerlle unha foto e subila a Twitter co cancelo #aulasgalegas.

 Para descargar o recortable elixe un tamaño: [Recortable A4] [Recortable A3] 

As cúpulas xeodésicas son unhas estruturas arquitectónicas ideadas por R. Buckminster Fuller. Están formadas por diferentes módulos triangulares. Permiten cubrir grandes vans con elementos lixeiros. A súa principal característica é a resistencia.

Cando Fuller idea as cúpulas xeodésicas, en realidade, levaba tempo traballando sobre o reticulado da esfera coa intención de elaborar mapas nos que os elementos xeográficos sufrisen menos distorsións do que nos mapas convencionais. O fundamento destes mapas e o das cúpulas xeodésicas son exactamente o mesmo.

No IES de Brión construímos un invernadoiro empregando este tipo de estrutura. Se queres saber máis sobre este proxecto, podes velo aquí.


Se este traballo desperta a túa curiosidade e queres saber algo máis de Buckminster Fuller, podedes empezar polo seguinte vídeo.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *