O leitmotiv

AG.- Hoxe Clara Pino lémbranos o que é un leitmotiv a partir dun vídeo da famosa Pantera Rosa.

O leitmotiv é un termo que designa un tema musical asociado cun obxecto, personaxe ou emoción determinados. No cinema o leitmotiv consiste habitualmente nunha melodía (sempre a mesma) que vai asociada a un personaxe concreto ou situación. É unha ferramenta extensamente utilizada en bandas sonoras de películas.

A Pantera Rosa é unha personaxe e unha serie de debuxos animados, orixinada a partir do personaxe que aparecía nos créditos do filme homónimo: The Pink Panter de 1963, dirixida por Blake Edwars. O capítulo piloto titulado The Pink Phink, deste mesmo ano, gañou o Óscar á mellor curtametraxe de animación na cerimonia do ano 1964. Inicialmente, non se concibiu como unha serie, senón que eran curtas destinadas ás salas cinematográficas. É de destacar que a BSO é de Henry Mancini, nado no ano 1924 e finado en 1994. Este compositor é unha icona da música para o cinema ademais dun gran músico de jazz.

Entre as súas obras destacan:

– Breakfast at Tiffany ́s

– Victor /Victoria

– Days of Wine and Roses

No que respecta a súa análise musical atopámonos cun ritmo de swing que encaixa perfectamente cos pasos da pantera, polo cal son e imaxe están absolutamente sincronizadas dando un claro exemplo de simbiose entre BSO e Imaxe. Este é un dos máis famosos leitmotiv da Historia do Cinema.

Agardamos que o pasedes ben!

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *