Torta de queixo de Chus

COCIÑANDO…

AG.- De seguro que estes días que estamos na casa nos toca celebrar un aniversario, unha data sinalada… ou, por que non?, celebrar que estamos en familia na casa e compartir un tempo ao lado da cociña. Neste caso traballamos os 5 sentidos, a adquisición de vocabulario e a matemática, ademais de hábitos de hixiene e saúde.
Lembrámosvos (a quen a coñeza) e propoñémosvos (quen non a fixera) unha receita (listado/secuencia) moi sinxela de facer coa axuda das vosas fillas e fillos: a “Torta de queixo”, da miña madriña Chus.

Ingredientes:
– 8 queixos pequenos, en porcións (triángulo / brando / pegañento /
salgado / orixe).
– 1 iogur natural (plástico/reciclaxe).
Pola medida do vaso de iogur:

– 1 vaso de fariña (orixe/proceso).
– 1 vaso de azucre (orixe/proceso).
– 1 vaso de leite (orixe/proceso, se é o caso ata chegar á tenda).
– 1 vaso de nata (orixe/proceso: antes, non tanto agora, nas aldeas acumulábase a nata cada vez que fervía. Agora o proceso é diferente).
– 3 ovos (orixe).
– Manteiga ou un pouco de aceite (orixe/proceso) para untar a bandexa que imos meter no forno.
Recipientes:
– Batedor.
– Ensaladeira.
– Bandexa (circular/cadrada/rectangular…).

Coas indicacións dun adulto, prequentamos o forno a 180ºC (perigos- protección/calor/temperatura: alta-media-baixa), lavamos as mans con xabón e untamos a bandexa con manteiga ou aceite, para que sexa máis doado sacar a torta unha vez fría. Lavámonos de novo e reservamos.

Nunha ensaladeira, metemos todos os ingredientes e, coa axuda dun adulto, mesturámolos co batedor (importancia da electricidade/perigo/enchufe). O líquido que obteñamos (podémolo probar, cunha culler, evitamos o dedo): moi/pouco doce, salgado, moito/pouco sabor a queixo?). Botámolo na bandexa coa manteiga ou aceite que tiñamos preparada. Coa axuda do adulto metémolo no forno. Coidado, ao abrir o forno vai saír calor!
Esperamos, uns 35 minutos, máis ou menos (reloxo-minutos: lectura/paso do tempo: “…agora a agulla pequena está no… e a grande está no…, cando a agulla pequena chegue ao… e a pequena ao…), e a torta estará lista!).
A temperatura? Uns 150ºC-160ºC aproximadamente, xa sabedes que cada forno é un mundo. Picade na torta cun pau pequeno de madeira ou cun garfo para comprobar se, pouco a pouco, vai cocendo a mestura.

MENTRES COCE A TORTA…
Seleccionamos o  lixo:
– Limpamos, gardamos e cavilamos que podemos facer co vaso de iogur e os envoltorios das porcións dos queixos pequenos.

– Trituramos coas mans as cascas dos tres ovos e botámolas na terra das plantas que teñamos na casa. Moitos de vós xa sabedes que as cascas de ovos son un excelente abono orgánico, ecolóxico e caseiro, que achega nutrientes “extra” de calcio á terra e, polo tanto, ás plantas. Xa non só nas hortas, se tedes plantas na terrazas é moi recomendable para os e as que cultivades pementos, tomates, leitugas, berenxenas e coles para que non podrezan.
E para todos e toda as cascas de ovo son unha maneira sinxela e eficaz de afastar dos nosos cultivos os caracois e as lemas, igual que as mondas de laranxa que podedes aproveitar cando fagades o zume!

Cando vexades que xa o pau ou o garfo sae limpo, sen restos de masa, sacade a bandexa e deixádea arrefriar.
Unha vez fría, despegade a torta polos lados, coidadosamente, cos dedos (os nenos e as nenas fano moi ben, polo tamaño dos seus dedos) ou cunha espátula. Dádelle a volta á bandexa no prato que teñades para presentar. Tamén podedes cortar na bandexa que utilizastes para enfornar e a comer!
Se vos soubo a pouco, podédela facer con outra medida unha cunca de almorzar, por exemplo, pero equilibrade os queixos en porción!

Vídeo da receita:

Lucía Vence Expósito


2 comentarios en «Torta de queixo de Chus»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *