Sabemos o que comemos? – Análise dunha etiqueta alimentaria.

AG.- Logo de todo o que estudamos e sabemos, imos aprender a ler as etiquetas dos produtos alimentarios que consumimos. Coido que é unha actividade importante para a nosa saúde e unha obriga como consumidores para o ben propio e da nosa sociedade.
Os consumidores somos o elo final da cadea dos alimentos, polo que tamén temos un papel a desenvolver en todo o proceso.
No noso ben e no da sociedade na que convivimos, debemos informarnos sobre o que adquirimos, é unha forma de reducir o elevado número de danos que se producen dentro do fogar por unha deficiente manipulación ou conservación dos alimentos. 

Uns consellos para ter en conta:

  • Le sempre as etiquetas que levan os produtos alimenticios.
  • Comproba a data de caducidade ou de consumo preferente.
  • Lava ben as froitas, verduras e hortalizas.
  • Coida a hixiene ao manipular e gardar os alimentos.
  • Sigue sempre as instrucións de conservación.

Imos aló!
Para comezar soamente tes que coller ou simplemente ler detidamente unha etiqueta do produto de consumo habitual que máis che preste.


Segundo a normativa da Unión Europea, a etiqueta dun alimento ten que achegar ao consumidor toda a información que necesita saber sobre o produto que vai consumir. Desta forma, cada persona pode coñecer se un alimento se adapta aos seus gustos ou ás súas necesidades, e decidir se o merca ou non.
O etiquetado dos produtos alimenticios están marcados pola lexislación, tanto española como europea.
O etiquetado dos produtos alimenticios requirirá, salvo as excepcións previstas na norma, as seguintes INDICACIÓNS OBRIGATORIAS (ler documento completo).

  • DENOMINACIÓN DE VENDA DO PRODUTO.
  • LISTA DE INGREDIENTES E ADITIVOS.
  • INFORMACIÓN NUTRICIONAL.
  • PESO (NETO E ESCORRIDO), VOLUME OU NÚMERO DE UNIDADES.
  • INSTRUCIÓNS PARA A CONSERVACIÓN.
  • LUGAR DE ORIXE OU PROCEDENCIA.
  • LOTE DE FABRICACIÓN.
  • DATA DE CADUCIDADE OU DE CONSUMO PREFERENTE.
  • GRAO ALCÓLICO.
  • PARA TER EN CONTA: a etiqueta é un dos medios de control da seguridade dos alimentos, polo que a norma dita que o etiquetado ten que ser (ler documento).
  • EXCEPCIÓNS Á NORMA: no caso de que un envase teña menos de 10 cm2 de superficie maior, por exemplo, un paquetiño de goma de mascar, só resulta obrigatorio que apareza información relativa ao nome do alimento, aos posibles ingredientes que poden causar alerxias e/ou intolerancias, á cantidade neta de produto e á data de duración mínima ou data de caducidade. De todas as maneiras, no envase debe aparecer o medio polo que podes acceder á información que precises.
  • RECLAMACIÓNS: Se un produto non cumpre as expectativas esperadas, publicitadas e garantidas, poderase interpoñer unha queixa, mediante unha folla de reclamacións ou un escrito explicativo ante o establecemento de compra e ante o fabricante do produto. Se non obtemos resposta ou esta non é satisfactoria, poderás dirixirte ás administracións competentes en materia de Consumo para denunciar o caso.

Etiquetaxe correcta

Código de barras

Por regra xeral, cando na data de consumo preferente aparece o día e o mes, o consumo seguro é inferior a 3 meses. Cando aparece o mes e o ano, é superior a 3 meses e inferior a 18 meses. Cando aparece o ano, é superior a 18 meses.

DATA DE CONSUMO PREFERENTE

EXPRÉSANSE DE 3 MODOS DIFERENTESEXPRESIÓNDURACIÓN EN ÓPTIMAS CONDICIÓNS
DÍA E MESINFERIOR A 3 MESES
MES E ANOSUPERIOR A 3 MESES E INFERIOR A 18 MESES
ANOSUPERIOR A 18 MESES

NON DEBEMOS CONSUMIR PRODUTOS QUE PASARON A SÚA DATA DE CADUCIDADE.

INSTRUCIÓNS DE CONSERVACIÓN

INSTRUCIÓNSEXEMPLO
CONSERVACIÓN EN FRÍO DE 4 A 8º CIOGUR
CONSERVACIÓN ENTRE 0 E 5º CSALCHICHAS
MANTER EN LUGAR FRESCO E SECOPAN TOSTADO
PRESERVA DOS RAIOS SOLARESPAN TOSTADO
CONSERVAR A TEMPERATURA INFERIOR A -18ºCXEADOS

ACTIVIDADES:

  1. Cres que a etiqueta que elixiches é correcta? Están todos os compoñentes obrigatorios? Falta algún? Cal?
  2. É un  produto moi perecedoiro ou non?
  3. A cor e o deseño, animan a comprar o produto?
  4. Hai mensaxes publicitarias na etiqueta?

ADITIVOS ALIMENTARIOS consultar documento.

  • Son substancias autorizadas que melloran as calidades dun alimento ou serven para conservalo.
  • Nos países da Unión Europea os aditivos desígnanse mediante a letra E, seguida dun número de 3 ou 4 cifras.
  • Esta designación vai precedida nas etiquetas do tipo de aditivo de que se trate. Ás veces menciónase o seu nome completo.

ACTIVIDADE SOBRE ADITIVOS:

  1. Hai recomendacións, avisos, pros e contras sobre o consumo de aditivos, estudos dos efectos sobre a poboación, sobre determinados sectores da poboación, como a poboación infantil, que te invito a consultar para que constrúas a túa propia opinión e decidas, como consumidor, se queres ou non, consumir estes aditivos.
  2. Na rede podemos atopar unha enorme cantidade de información sobre os aditivos empregados na alimentación. Algúns medios que podes consultar son: a) OCU; b) Aditivos alimentarios; c) e-aditivos.

CONSELLOS PARA SER CONSUMIDOR RESPONSABLE: é necesario adoptar prácticas de consumo como estas para asegurarnos de que o noso consumo teña o menor impacto sobre o planera e tamén sobre nós. Ademais, estas prácticas non supoñen un gasto nin un esforzo extra.

  • Fai unha lista do que necesitas antes de saír da casa. Reduce o consumo e merca soamente o que necesites.
  • Practica os 3 R: Reducir, Reciclar e Reutilizar, e antes de comprar, suma a estes, os R de Respectar e Reflexionar.
  • Trata de escoller produtos que non sexan agresivos co medio ambiente. Utiliza o poder de compra para premiar aqueles produtos que non afectan o medio e castigar os que si o fan. Ler as etiquetas pode axudarche a tomar decisións.
  • Evita os produtos de usar e tirar.
  • Reutiliza as bolsas que che dan nos establecementos. O mellor, sen dúbida, é ir á compra coa nosa bolsa de tea.
  • Utiliza a menor cantidade de envoltorios posible. Ademais de evitar residuos, desta maneira evitas pagar por un empaquetado que logo vas tirar.
  • Recorre a empresas pequenas e locais, mellor o noso tendeiro de toda a vida do barrio que unha gran superficie comercial. Con esta actividade de “quilómetro 0”, o diñeiro queda na comunidade, fortalece a economía local e evitamos que a comida viaxe miles de quilómetros innecesarios.
  • Compra bens de empresas ecoeficientes.
  • Elixe produtos sen intermediarios, cantos máis teñan, máis pegada de carbono terán debido aos traslados e á manufactura.
  • Compra produtos de Comercio Xusto.
  • Elixe, na medida do posible, produtos frescos. Evita alimentos procesados. Evitarás as sustancias tóxicas que afectan o planeta e a ti mesmo.
  • Infórmate sobre os dereitos e obrigas que temos como consumidores.

ACTIVIDADES:

  1. Que é e para que serve a nutrición?
  2. Como se expresa a cantidade de enerxía liberada por un nutriente? Que é unha caloría?
  3. Que é a dieta? De que factores persoais depende unha dieta?
  4. Indica os alimentos que deben estar incluídos nunha dieta completa, variada e equilibrada.
  5. Que son e para que se usan os aditivos alimentarios? Fai unha clasificación deles indicando a súa función.
  6. Que tipo de aditivos son os máis comúns nos alimentos? Que tipos son practicamente imprescindibles e cales serven exclusivamente para realzar ou mellorar o sabor?

CURRICULO: Bioloxía e Xeoloxia 3º ESO (Bloque 3. As persoas e a saúde. Promoción da saúde).

PROPOSTA REALIZADA POR: Carlos Manuel Velasco do CPR San Fernando.

FONTES: Imaxes de Pixabay ( Igor Ovsyannykov, Markus Spiskea, Pete Linforth).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *