La chanson “Le métèque”
AG.- Todo o mundo a cantar!! Que boa actividade é cantar, tan gratificante, divertida, promotora do bo humor e que mellora, se se fai en compañía.
Na procura de todo isto creei esta nova actividade para as clases de Francés, cunha canción dun dos meus cantantes favoritos, Georges Moustaki, sempre un recurso estupendo para traballar a comprensión verbal.
“Le métèque” é un dos seus grandes éxitos e eu agardo que tamén o sexa na vosa aula.
Cada pantalla presenta un fragmento da canción, con posibilidade de escoitala repetidas veces, e ofrece tamén a letra na que deberemos colocar oportunamente algunhas palabras que faltan.
Ademais disto, temos un botón de comprobación dos erros e/ou acertos. Ao premer “comprobar”, as palabras situadas en lugares equivocados, volverán á súa posición inicial de xeito automático pero se, en cambio, enchemos todos os ocos correctamente, presentarásenos unha imaxe que deberemos premer para continuar á seguinte pantalla.
Ao premer agora sobre a imaxe, a actividade abrirase nunha nova xanela.