Mapa interactivo de Europa

AG.- O profe Rubén e o seu equipo trae hoxe unha súper actividade! Tomade nota!
Nesta actividade imos crear un mapa interactivo de Europa empregando a placa Makey Makey para traballar, a modo de xogo,
monumentos e paisaxes coñecidas de diferentes países do noso continente.
Estes son os pasos por seguir:
1. O primeiro que faremos será crear un mapa grande de Europa a modo de taboleiro de xogo. Nós empregamos esta imaxe:
Para facelo máis grande que un A4 ou A3 empregamos unha ferramenta para convertelo nun póster.
2. Unha vez temos o mapa, deberemos colocar anacos de papel de aluminio a modo de botón no país, e que cheguen ata o extremo do mapa para poder conectar logo os diferentes cables da placa Makey Makey.
  
3. Por outra banda prepararemos os monumentos que nos valerán como fichas para colocar enriba do taboleiro.
Nós fixémolas con base de papel de aluminio para que ao contactar co papel de aluminio que está no mapa,
a placa recoñeza que a ficha está colocada e así o ordenador poida executar no xogo a acción se é correcta.
4. Co mapa e cos monumentos listos temos que conectar a placa Makey Makey ao ordenador polo USB, e os cables da placa a cada tira de papel de aluminio do país correspondente, tal é como están programadas no xogo de Scracth: https://scratch.mit.edu/projects/679960661/
As teclas son as seguintes:
Frecha arriba: Francia, Frecha dereita: Italia, Frecha esquerda: Reino Unido, Frecha abaixo: Estonia, tecla Space: Bélxica,
tecla W: Croacia, tecla A: Grecia, tecla F: Portugal, tecla D: Alemaña, tecla S: España e  tecla G: Islandia.

Ademais das teclas enumeradas, deberemos ter un cable que saia da toma de terra (earth na placa Makey makey) para suxeitalo á vez que colocamos os monumentos, de maneira que pechamos o circuíto e facemos que a placa recoñeza que estamos poñendo unha peza no país e o xogo do ordenador interactúe co mapa.
Nós fixémolo tamén de papel de aluminio para facilitar a súa prensión para o alumnado de E. infantil.
E con isto xa temos todo listo para que o noso alumnado de Educación Infantil se divirta poñendo a proba todo o que coñece sobre diferentes monumentos e paisaxes de Europa.
No vídeo tedes unha mostra do funcionamento do panel.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *