Galicia nomeada

AG.- Hoxe traémosvos un proxecto singular que ofrece unha oportunidade educativa extraordinaria para unir lingua, investigación, educación e traballo colaborativo.

Se hai dous exemplos de máxima comunión entre as persoas e a lingua, unha é a antroponimia, os nomes das persoas, o feito de escoller palabras que escollemos para nos designar e singularizar, e a outra é a toponimia, darlle nome aos lugares e o que neles se dá, que á fin non é outra cousa que darlle nome á propia terra. E o pobo galego neste sentido foi un moi prolífico construtor, un extraordinario creador, e así os topónimos galegos pola súa variedade, antigüidade e altísima densidade supoñen un caso único no mundo.

Para conservar todo este patrimonio lingüístico nace Galicia nomeada, un proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Xunta que xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre.

Mais Galicia nomeada busca recoller a microtoponimia tradicional e ademais facelo contando coa xente para que todo o mundo poida achegar o seu propio coñecemento dos nomes empregados naquela parte do territorio que coñece.

Dende 2019 o proxecto conta cunha app a través da cal podemos colaborar despois de rexistrarnos e realizar a solicitude correspondente. Unha vez habilitados envíannos o manual de uso da aplicación e xa podemos facer unha busca territorial da zona de traballo; introducir un novo topónimo ao que podemos achegar unha imaxe (por ex. dun muíño, dun cruceiro, dunha fonte…), un documento en pdf, un arquivo de audio ou de vídeo coa pronuncia do nome ou no que se escoite aos informantes contando un lenda, refrán, cántiga ou copla asociada e ese topónimo. Tamén poderemos facer suxestións sobre a forma escrita ou sobre a localización de topónimos recollidos por outros usuarios ou procedentes doutras fontes.

Estes nomes serán supervisados polos especialistas en toponimia da RAG. Tamén se fará un contraste oral con outros colaboradores da zona e un contraste documental para comprobar a súa veracidade. Feitas as comprobacións pertinentes, serán validados e pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia.

Deixámosvos un relatorio de Vicente Feijoo, o responsable de Galicia nomeada, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia no IES do Milladoiro de Ames e encargado de impartir as charlas desenvolvidas dentro da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra está de volta neste curso escolar.

Galicia nomeada xa forma parte dos proxectos dos centros escolares, o teu tamén pode formar parte da rede de centros que deciden achegarse á recuperación do noso patrimonio.

 

Contacto

Se desexas contactar co proxecto podes facelo a través  do correo electrónico toponimia@academia.gal ou do teléfono 881 995 322.

Amplía información

Para coñecerdes mellor o proxecto:

“A microtoponimia é o espello no que podemos ver a pequena historia de cada aldea. Cada nome está posto por algo” – entrevista a Vicente Feijoo en Praza.gal

‘Galicia nomeada’, na procura dos microtopónimos máis descoñecidos

Estudantes de Silleda rescatan 1.600 microtopónimos do concello

Toponimia de Galicia – canle de YouTube

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *