Revista Galega de Educación nº 80 STEAM
En xuño de 2021, cando xa marchabamos de vacacións, saía o nº 80 da Revista Galega de Educación, esta publicación referente singular da pedagoxía galega está editada por Nova Escola Galega.
Este último número ata o momento titúlase Crear para aprender: STEAM e nel afóndase na necesidade de contribuír ao desenvolvemento da adquisición de competencias en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, tendo en conta o seu vínculo coas artes, a creatividade e a innovación.
EXTRA! EXTRA! Revista Galega de Educación (nº 80). Crear para aprender: STEAM
+ info: https://t.co/kPRyRcPRIU
neg@neg.gal @RGE_gal pic.twitter.com/xf19oMleW5— Silvia López Gómez (@Silvia_LG) September 29, 2021
Nos últimos anos, desde diferentes organismos europeos, nacionais e locais estase a impulsar o movemento da Educación STEAM, poñendo ademais o foco en promover o acceso das nenas e das mulleres a estes ámbitos. A Revista Galega de Educación, consciente desta tendencia, busca ofrecer a través do seu número 80 diferentes experiencias, investigacións e reflexións para abordar este enfoque que supón recuperar as coñecidas metodoloxías activas, baseadas en pedagoxías emerxentes.
Os artigos que conforman este número, pretenden clarificar que é a Educación STEAM, así como dar a coñecer as súas posibilidades en diferentes niveis educativos, e ofrecer experiencias coa posibilidade de transferir aprendizaxes a outras contornas.
O monográfico arranca cunha aproximación ao que se entende por STEAM, para posteriormente dar conta de diferentes experiencias de aula e de iniciativas que poden axudar a desenvolver este enfoque nos centros educativos. Nel, entre outros contidos, podemos atopar:
- Olalla García-Fuentes proporciona unha orientación metodolóxica para as aulas de Educación Infantil
- Mª del Camino Pereiro explica como se desenvolven as competencias STEAM dende o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero)
- Teresa F. Blanco, Alejandro Gorgal e Cristina Núñez traen dúas actividades STEAM relacionadas coas matemáticas en Secundaria
- O equipo directivo da ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia) exemplifica como apoian a ensinanza STEAM dende a asociación
- María J. Pousa tráenos súa experiencia no “Espazo Fedelleiro” da biblioteca da EEI de Barrionovo (Arteixo) para explicarnos a importancia da Arte na educación STEAM
- Paola Guimeráns ábrenos as portas aos e-téxtiles para darnos a coñecer que oportunidades poden brindar no ámbito da educación para traballar a equidade
- Feliciano José Couto adéntranos no proxecto “A Fábrica” da Clase Vermella do CEE Nsa. Sra. de Lourdes-ASPRONAGA (A Coruña)
- Miguel Gesteiro tráenos un artigo relacionado coa cultura maker sobre o proxecto de robótica educativa mClon
Nesta ligazón podes consultar o índice completo deste número 80 e un resumo de contidos.
A Revista Galega de Educación pódese adquirir coa compra de números soltos ou podes subscribirte, a 3 números ao ano, cun desconto por exemplar. Se desexas máis información podes poñerte en contacto con Nova Escola Galega no enderezo neg@neg.gal.