XXII Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra.
AG.- O mes de abril está cheíño de boas novas relacionadas cos libros e, como xa é habitual, esperabamos con impaciencia a presentación do programa do Salón do Libro de Pontevedra, unha cita habitual para todos e todas as que somos amantes da lectura e dos libros.
O Salón reinvéntase cada ano, así o pasado foi virtual pola pandemia e esta segue a condicionar a celebración actual, fixádevos no tema:
” EMERXENCIA LITERARIA. Os libros salvan o planeta”
Suxestivo, provocador, atraente e moi na liña dos tempos Covid que vivimos. Do 23 de abril ao 9 de maio podedes participar nas actividades, visitar as exposicións, contacontos… en espazo pechado (O Pazo) ou aberto (A Illa do Covo), iso si, reservando a nosa praza polos límites de aforo, un Salón seguro. Este ano, asemade, o Salón irá ás escolas e institutos, motivo polo cal os centros de ensino non poden acudir ao Salón.
Pois xa sabedes, para nenos, nenas, mozos e mozas, pais e nais, avós e avoas, tíos e tías, sobriños e sobriñas… haberá que visitar o Salón. Aquí vos deixamos o programa:
https://www.salondolibro.gal/programa-2021/
E a nosa proposta didáctica é moi sinxela: no Salón debedes visitar a Exposición Hans que recolle o traballo da ilustradora (que a min me namora) Susana Suniaga para o álbum ilustrado sobre a vida de Hans Christian Andersen, escrito por Javier Sánchez Alonso. Propóñovos reproducir algunha das súas imaxes (para os máis novos) e ler un dos contos que o escritor danés creou para nós. Xa vedes que sinxelo: en abril LER un conto de Andersen. Que o gocedes!