As mil vidas de Dorotea. Lorena Conde.

AG.- Da man de Lorena Conde chéganos esta peza teatral que inicia a sección infantil da editorial Cuarto de Inverno.

Con este título tan alegórico “As mil vidas de Dorotea” a autora achéganos á vida e obra da actriz, dramaturga e directora teatral Dorotea Bárcenas e ás mil vidas que as súas personaxes lle permitiron vivir, porque un ou unha personaxe creada e actuada pasan a formar parte da propia vida da autora e actriz.

Esta peza dramática pon en formato escénico a biografía de Dorotea que no elenco vai ser acompañada pola familia, actores, personaxes e a propia Rosalía… mil puntos de vista para caracterizar a nosa protagonista.

Teatro, feminismo, lingua, represión na Ditadura… son temas que os personaxes poñen sobre o escenario e coma nun quebracabezas van conformando a imaxe de Dorotea.

Desde que comecei a ler esta obra pensei que sería idónea para desenvolver polo alumnado da aula ou mesmo na familia en kamishibai ou nun teatriño de personaxes de papel; as fermosas ilustracións de María Brenn dannos pé para crear as imaxes para o kamishibai ou deseñar en papel os personaxes e movelos cun pauciño e por suposto as nosas voces achegando vida á vida da nosa Dorotea.

( Nesta ligazón podedes consultar como crear un Kamishibai no blog de animación á lectura do IES de Poio: Obradoiro de kamishibai )


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *