“Dez gatiñas viaxeiras” de Eva Mejuto e Víctor Rivas.

AG.- Dez gatiñas con moita personalidade de seu ( Galadriel, Telma, Frida, Cóxegas, Blasa, Lía, Louise, Moura, Greta e Penélope) protagonizan este álbum ilustrado con texto de Eva Mejuto e graciosas ilustracións de Víctor Rivas.

As nosas protagonistas son divertidas e rebuldeiras, cada unha delas coa súa afección ( Frida á pintura, Louise ao deporte, Lía á literatura…) e cun entretemento común que as agrupa todas, as viaxes por Galicia: O monte Lestrobe, os canóns do Sil, Ourense, a illa de San Simón… (lugares emblemáticos da nosa paisaxe natural e da cultura galega, polo que o álbum a maiores de divertirnos tamén nos fornece coñecementos xeográficos e culturais).

Os versos que nos relatan as aventuras das gatiñas viaxeiras son moi sonoros, cheos de ritmo e rima que os fan pegadizos tal e coma se formasen unha alegre e fermosa cantiga, o que favorece a súa memorización.

Mais a estas imparables gatiñas vanlles acontecer unha serie de contratempos que deberedes descubrir lendo a historia; un conto animado, disparatado, de lectura doada e moi divertida.

E para completar o goce das aventuras das gatiñas viaxeiras, propóñovos un xogo para o que precisaredes botar man dunha lupa: ao longo da historia, nas ilustracións de Víctor Rivas aparecen “libros”, poderiades dicirme cantos libros hai no álbum, que personaxe os leva e cal é o título dalgún deles??? Pois ala… a procurar e contar… boa sorte!!!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *