Chegou o outono! Imos comer croquetas de castañas!

AG.- Como chegou o outono, imos comer croquetas de castaña. Esta receita foi elaborada por David, un dos autores do blog de cociña Bolboretas no Bandullo.

Croquetas de castañas

Ingredientes:
  • 12-15 castañas asadas
  • 1 cebola
  • 40 gr de manteiga
  • 40 gr de fariña, máis extra para empanar
  • 500 ml de leite
  • 1 ovo
  • Pan relado
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite
Utensilios: tixola, culler de pau, coitelo, garfo, varios pratos (para empanar) e papel transparente.
Elaboración:
Para comezarmos, temos que derreter a manteiga na tixola e, seguidamente, engadir a cebola para rustrila, botamos un chisco de sal.
Cando estea brandiña, engadimos a fariña. Cociñámola un pouco e imos engadindo o leite pouco a pouco até obter unha bechamel espesa. Botamos as castañas cortadas en anaquiños (Para asar as castañas, témolles que facer un corte e enfornalas a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos). Botamos un chisco de pementa.
        De seguir, botamos a mestura nun prato e tapamos a masa con papel transparente e refrixeramos durante 4 ou 5 horas.
   
A continuación, temos que preparar tres pratos para o rebozado: un con fariña, outro co ovo batido e o último con pan relado mesturado co pirixel. Dámoslles a forma as croquetas e pasámolas primeiro pola fariña, logo polo ovo e o pan relado.
Chegados a este punto temos dúas opcións, ou metelas nunha bolsiña e conxelalas ou fritilas en abundante aceite. Nós, cando facemos croquetas, elaboramos bastantes para ter sempre no conxelador unhas poucas gardadas, xa que nos poden sacar dalgún apuro 😉
Despois de fritilas, pasámolas a un prato con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite.
E xa estarían preparadas para comer! Esperamos que vos gusten e que desfrutedes comendo croquetas tanto coma nós, xa que é unha das nosas comidas preferidas!! Non están boas, o seguinte 🙂 Ademais, se sodes tan castañeir@s coma nós, aproveitade e non asedes só as contadas para as croquetas, facede unhas cantas máis para devorar ao modo tradicional. Tede en conta que para facerdes estas croquetas, tamén poderiades cocer as castañas, mais a nós interesábanos que quedase ese puntos gustoso das asadas. E quedou, quedou, mmmm… Metédelle o dente a estas delicias, veredes…!
BO PROVEITO!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *