Enigmas [V]: O presente de Lewis Carroll

AG.- Hoxe, na nosa serie de enigmas, un enredo adaptado do libro Perplexing Puzzles and Tantalizing Teasers, do gran divulgador científico Martin Gardner. Este, á súa vez, recrea unha fermosa historia apócrifa do noso admirado Lewis Carroll.

O presente de Lewis Carroll
O seguinte problema, obra do xenial filósofo e matemático Martin Gardner, disque relata un feito verídico, mais de non selo tanto ten, pois resulta tan brillante que… «Se non è vero, è ben trovato». O 11 de decembro de 1868 Charles Ludwige Dodgson, máis coñecido como Lewis Carrol, envioulle esta carta a unha nena amiga súa: Dolly Argles.
Miña querida Dolly:
[…] Vou enviarlle ao teu papá un pequeno presente de Nadal que, atreveríame a dicir, che gustará mirar. Consiste nalgunhas finas películas de materia vexetal que alguén atopou o xeito de preparar para que non se desarmen. Están marcadas con algún produto químico formando unha especie de padrón e suxeitas entre dúas placas de cartón para preservalas. Creo que este tipo de cousas non é unha invención nova, mais as marcas neste caso si que o son: fíxenas eu.
Polo momento, máis nada.
O teu amigo que te quere
C. L. Dodgson
Que agasallo lle estaba a enviar Carroll?

Solución ao enigma «As pitas da señora Remedios» (29-5-20):
A señora Remedios vendéralle só seis galiñas: tres cegas de todo e tres cos dous ollos perfectamente sans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *