Netas, fillas, nais, avoas e bisavoas
AG.- Son as 12:30 nun CEIP de Gondomar. Toca o timbre do recreo e 54 cativas e cativos de 5° e 6° de Educación Primaria entran na biblioteca.
Visito o centro coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia:
– “Bo día rapazada. A quen de vos lle gustaría estudar unha carreira universitaria?“
Gran parte do público levanta a man.
– “Xenial. Agora, por favor, que se poñan de pé as nenas”
Levántanse cerca de 30 cativas. Falamos sobre que lles gustaría estudar. Medicina, arquitectura, maxisterio, belas artes, veterinaria…
– “Pois fixádevos que hai pouco mais de 100 anos, as mulleres non podían estudar unha carreira. Ata o ano 1910 estaba prohibida a súa asistencia á universidade. Só algunhas, maiormente das clases adiñeiradas, podían estudar pero necesitaban unha autorización especial e podían facelo desde a casa cun profesor particular. Unicamente os homes tiñan dereito a matricularse e asistir libremente á universidade”
Estrañeza na biblioteca do CEIP, caras de sorpresa e bocas abertas entre nenas e nenos.
En España foi a partir da publicación da Real Orde do 8 de marzo de 1910 cando as mulleres puideron acceder aos estudos universitarios sen ter que pedir permiso, case nas mesmas condicións que os homes.
Tendo en conta a idade das mulleres que entraron no 1910 na Universidade, estamos falando de algo mais de catro xeracións con universitarias en España. Netas, fillas, nais, avoas e bisavoas.
E a vós que vos parece?
Luisa Martínez Lorenzo
Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia