Xabier Díaz. Illas de Sal
AG.- A continuación, Clara Pino déixavos para o voso goce o último videoclip de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre.
“Illas de Sal” é un dos temas incluídos dentro do último traballo de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre titulado As catedrais silenciadas. O álbum viu a luz ao tempo que nacía un estado de alarma ao que aínda non lle vemos a fin: publicado o 13 de marzo, xusto o día en que Pedro Sánchez anunciaba a aprobación da medida.
Para o artista este traballo vén sendo unha sorte de berro ante o despoboamento do rural e a perda cultural que supón.
Achégovos tamén a xénese deste traballo, o arquivo orixinal gravado polo etnomusicólogo Alan Lomax en Corcubión en 1952 que Xabier utiliza para crear, baseándose nesta xota tradicional, o texto orixinal de “Illas de sal” no que abunda o fenómeno da paragoxe, recurso que utiliza o autor para conservar a acentuación do canto orixinal (maré, andaré…etc)
A música de raíz galega, que Díaz atopou nas aldeas durante tantos anos, combínase aquí cos instrumentos da música étnica e a harmonía modal, sobre os que o artista destaca que “esta mestura non sería posíbel sen a participación de Gutier Álvarez e Pedro Pascual”, coarranxistas e coprodutores do disco.