Resumo do 4º Evento de Aulas Galegas en YouTube

No evento do xoves 7 de maio de 2020 tivemos a oportunidade de coñecer catro seccións que conforman Aulas Galegas e comentar coas persoas que as coordinan as particularidades de cada unha das seccións. 

Se non tiveches a oportunidade de participar en directo, aínda podes acceder ao evento para miralo con calma. Velaquí tes a ligazón directa ao vídeo na nosa canle de YouTube.

As participantes tiveron a oportunidade de achegar as súas respostas e comentarios sobre cada unha das preguntas expostas. 

Se non tivestes oportunidade de poder ver os vídeos de presentación dos nosas convidados, deixámosvos as ligazóns para que poidades velos cando queirades. 

VÍDEO DE CIENCIAS SOCIAIS  

VÍDEO DE GZVISUAL

VÍDEO DE LINGUA CASTELÁ  

VÍDEO DE PRIMARIA 3.º E 4.º  

Comezou o evento Lucía Somoza falando da sección que coordina. A equipa de Lingua e Literatura Castelá está formada por profesoras e profesores de todos os puntos de Galicia. Aínda que pareza estrano unha sección de Castelán en Aulas Galegas, Lucía Somoza contounos que as linguas suman e que do mesmo xeito que Francés e Inglés teñen cabida no portal, Castelán tamén o merece. Aulas Galegas é un portal interdisciplinar no que caben todas as materias.  

A continuación Paulo Jablonski, coordinador de Ciencias Sociais presentou a súa sección e explicounos que Sociais é unha espazo para experimentar, non só unha sección onde se atopan contidos de carácter teórico. Paulo salientou que para colaborar en Aulas Galegas calquera pode participar, non é necesario ser mestre. 

Belén García, coordinadora do 3º e 4º nivel de Educación Primaria explicounos como a súa sección trata de buscar e compartir contidos atractivos e de calidade. Comentounos que hai profes que crean recursos especificamente para compartir en Aulas Galegas, recursos nos que se fai uso do poder da gamificación, algo moi motivador para o alumnado. Destacou tamén un proxecto sobre booktubers para pasar estes días de confinamento.

Finalmente Diana Pastoriza presentounos GZVisual que se acaba de incorporar á sección Mares de Cultura de Aulas Galegas. Diana contounos quen forma parte do equipo de GZ Visual e propúxonos o reto do refraneiro ou debuxa un refrán. Compartiu con nós varios recursos e perfís interesantes nas redes sociais. Tamén nos falou das vantaxes de utilizar o pensamento visual na escola. 

Remitímosvos ao video do evento que podedes atopar na nosa canle de YouTube e alí, nos comentarios, están as ligazóns aos recursos que se destacaron durante o evento. 

Tamén queremos convidarvos a que vos animedes a colaborar, se é que aínda non o facedes, con Aulas Galegas. Na nosa páxina web tedes un formulario para contactar con nós e comezar a colaborar.

Dende aquí agradecémoslles enormemente a súa participación. Moitas grazas ao público asistente polos comentarios e achegas. A todas e todos, convidámosvos ao seguinte evento a vindeira semana.

Equipo de Dinamización de Redes Sociais de Aulas Galegas. #aulasgalegas #SecciónsAG

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *