Sempre hai un pasado: os antepasados silvestres dos nosos cultivos.

AG.- Hai arredor duns 12.000 anos os seres humanos deixaron de ser recolectores nómades e volvéronse agricultores e gandeiros sedentarios. Este cambio tecnolóxico desatou unha transformación tan grande na organización da sociedade e na maneira en que a xente vivía e que a denominamos tamén como “a revolución Neolítica”.

Pois os vexetais que hoxe en día consumimos tiveron tamén un proceso de domesticación. Grazas a este hoxe en día son máis grandes, máis saborosos, máis nutritivos e máis produtivos. Ao igual que ocorre cos animais, existen aínda na natureza os antepasados silvestres desas mesmas plantas que case sempre se asemellan ben pouco á hortaliza, froita ou verdura actual. Asociado co nacemento da agricultura, todos temos escoitado falar do concepto da “domesticación”. Se eu vos nomeo animais domésticos como o can, a vaca, o cabalo ou a ovella, seguro que vos veñen á mente varias imaxes de animais salvaxes que poden ser parentes ou antepasado destes animais. Pero que ocorre coas plantas? Se vos nomeo a cenoria, o millo, o tomate ou as uvas, sodes capaces de visualizar algún parente?

No collage vedes as imaxes dos ancestros  ou variedades silvestres de tres vexetais: a banana, o tomate e o millo.  Que diferenzas atopades? Pensades que a domesticación dos vexetais deu un bo resultado?

Na próxima semana seguiremos aprendendo sobre este tema.

Pilar Gago Montana  é unha científica galega, Doutora Enxeñeira Agrónomo pola USC.

Traballa na Misión Biolóxica de Galicia-CSIC no grupo de Viticultura. Naceu en Touro (A Coruña)

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *