As falsas noticia: Coronavirus e 5G

CC-By Pixabay

AG.- As profas Silvia García e Ana Moreiras, do IESP A Cachada e Alexandra Pacheco do IESP Antón Losada Diéguez propóñennos unha actividade interdisciplinar para Galego e as áreas de TICs, Tecno, Física e/ou Bioloxía: análise das falas noticias que andan correndo sobre o coronavirus.

CAL É O TEMA DESTA ACTIVIDADE?:  unha visión crítica da información.

Como xa saberedes, ao longo deste período de confinamento circulan polas redes sociais numerosas noticias e mensaxes con teorías sobre a orixe do coronavirus. Se de algo vai servir esta experiencia é para darnos conta de que non toda a información que recibimos é certa e que debemos estar moi atentos aos bulos. Aproveitemos este tempo para reflexionar sobre os motivos polos que se difunden as noticias falsas ou fake news. Para condicionar o noso pensamento político? A nosa maneira de actuar socialmente e de relacionarnos? Alguén se beneficia economicamente disto? Para difundir medo? Para promover certos hábitos de consumo?  Neste enlace podes atopar varias falsas noticias do COVID ilustradas por Weimankow.

COMO ORGANIZAMOS ESTA TAREFA?

Aprende máis sobre as falsas noticias. Le e fai a actividade final interactiva desta presentación:

Le esta mensaxe difundida a través de whatssapp:

MANIFESTACIÓN PARA ESIXIR O BLOQUEO DO 5G NAS NOSAS CIDADES

CONVOCATORIA MÉRCORES 15 DE ABRIL ÁS 20,30H NAS FIESTRAS E NOS BALCÓNS DAS NOSAS CASAS.

Crea carteis, pancartas, colle o teu instrumento e a túa VOZ. Botemos xuntos un berro que percorra o PLANETA: Non queremos o 5G!!

Ante a realidade que estamos vivindo onde se regou un Virus por todo o Planeta que está causando a morte de tantas persoas, onde os sanitarios arriscan as súas vidas cada día ao igual que outros profesionais, estamos vendo como de forma paralela continúa unha despregadura por Ceo e Terra de instalacións 5G coas que sabemos que a contaminación radioactiva nos vai danar a saúde provocando un forte impacto negativo no noso sistema inmune, ademais de toda a repercusión que van sufrir pola radiación as nosas células e polo tanto vai xerar un aumento exponencial de diversas Enfermidades.

Para os que aínda non teñen coñecemento destas repercusións negativas para a nosa saúde só teñen que entrar a internet e encontrarán múltiples documentos en todos os idiomas de científicos e outros profesionais da saúde onde explican os efectos negativos con detalle.


O máis asombroso é como de forma paralela están censurando todos os medios de comunicación que dan información a través de vídeos ou documentos con estudos de profesionais. Tambén censuraron recollidas de sinaturas onde se conseguiran case 50.000 solicitudes.

O pobo unido xamais será vencido!! O pobo ten poder e isto é algo que non podemos esquecer.

PROPOSTAS:

Carteis grandes nos balcóns das nosas casas. NON 5G. e deixalos postos todo o tempo posible.

CONVOCATORIA Mércores 15 de Abril ás 20,30h do serán.

OBXECTIVO: conseguir que miles de persoas GRITEN desde os seus balcóns NON ao 5G!! para que os líderes que están detrás da permisividade de todo isto NOS ESCOITEN.

Avisar os medios de comunicación que poidan DAR VOZ desta iniciativa para que se expanda por todo o PLANETA.

O importante é conseguir que se nos escoite, que saiban que somos sabedores do que están facendo e de que temos coñecemento de que outros Países o conseguiron BLOQUEAR. Algo que non escoitarás nas noticias da televisión.

Encerráronnos pero a nosa voz e a nosa conciencia está máis esperta ca nunca.

COMPARTE


Por ti, por min, por todas as persoas do mundo, polos animais e pola nosa Nai Terra.

MÉRCORES 15 DE ABRIL ÁS 20,30H

QUE NOS ESCOITEN!!

Autoría desta iniciativa: A conciencia colectiva.

E agora:

Que se pode facer na materia de GALEGO?

Un comentario crítico sobre esta mensaxe de whatssap, para o que se ofrece como axuda un documento pdf explicativo.

Que se pode facer en Tecnoloxía/TIC/Bioloxía/Física e Química?

Unha exposición oral en estilo Youtubeir@s: fronte á webcam, plano medio, linguaxe clara e directa, desmontando o contido con argumentario científico.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *