Unidade didáctica sobre a flora endémica do centro de Galicia

AG.- Durante o ano 2019, a Asociación Galega de Custodia do Territorio desenvolveu, co apoio da Deputación da Coruña, unha unidade didáctica sobre a flora endémica do centro de Galicia, concretamente na Zona Especial de Conservación Serra do Careón. Este espazo natural protexido alberga unha ampla comunidade de especies de flora endémica debido á súa composición xeolóxica, formada por serpentinitas que producen solos esqueléticos, cun pH alcalino e altas concentracións de metais pesados. A toxicidade dos solos serpentínicos permite a aparición de exemplares adaptados a estas condicións tóxicas que acaban por orixinar especies novas, facendo que a zona sexa un dos centros de endemismos máis importantes da Península Ibérica.

Nesta unidade didáctica pretendemos expoñer, dun modo ameno, unha serie de conceptos de interese nas ciencias naturais (xeoloxía, bioloxía, botánica…), así como dar a coñecer a importancia dun espazo natural de alto interese no contexto galego, dando información sobre as especies endémicas de maior relevancia na zona, achegando información sobre as súas poboacións, distribución, ameazas e labores de conservación que se están a realizar para mellorar a súa situación.

Esta unidade didáctica tamén propón unha serie de actividades para realizar na aula e que, no momento actual, son apropiadas para realizar nos fogares. Recomendamos a creación de lapbooks sobre a flora endémica da serra do Careón e/ou os conceptos expostos utilizando a información facilitada na unidade ou coa que se pode obter na rede. De igual modo, os lapbooks son adecuados para incluír debuxos propios do alumnado, sendo posible a creación dun proxecto interdisciplinar a través da colaboración co departamento de educación plástica, visual e audiovisual. A unidade dispón dun exemplo dun lapbook tipo, que pode ser realizado tanto dun modo dixital (presentación en PowerPoint ou Google) como manual con debuxos realizados polo alumnado.

Dámosvos acceso á unidade didáctica que se pode descargar desde este enlace.

Tamén podedes acceder á unidade didáctica desde a páxina web da nosa entidade sobre o proxecto; e, se tedes calquera dúbida, corrección ou crítica da unidade, estaremos moi gustosos de recibir os vosos comentarios que podedes enviar a través do correo da nosa entidade (custodiadoterritorio@gmail.com).

CURRICULO: Bioloxía e Xeoloxía 1º ESO (Bloque 3. A biodiversidade no planeta Terra); Bioloxía e Xeoloxía 4º ESO (Bloque 3. Ecoloxía e medio ambiente); Bioloxía e Xeoloxía 1º Bacharelato (Bloque 4. A biodiversidade).

PROPOSTA REALIZADA POR: Martiño Cabana Otero.

FONTES: Asociación Galega de Custodia do Territorio.


2 comentarios en «Unidade didáctica sobre a flora endémica do centro de Galicia»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *