Día do Teatro

 

AG.- Hoxe, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro cuxo obxectivo principal é dar a coñecer o que representa o teatro para a cultura. Parécenos un bo momento para achegarnos ao teatro de Ricardo Carvalho Calero, autor do que está saíndo bibliografía por mor de ser este ano o homenaxeado nas Letras galegas.

Un dos libros aos que podemos acudir é o de Miguel Vázquez Freire, Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético. Este é un libro divulgativo sobre a vida e a obra do autor. Quen era, como viviu e como pensaba Carvalho Calero. Unha biografía clara e concisa para todos os públicos que podemos ler en liña na plataforma de préstamo de libros GaliciaLe .

  • Proposta didáctica

Despois de ler o texto seguinte continuar o diálogo entre Edelmira e Xocas.

Este texto pertence á obra: A farsa das zocas. O argumento da peza é sinxelo: Edelmira, muller de Breixo, está enferma e é unha rosmona; Breixo é un lacazán e un bébedo; Divina, irmá deste e cuñada daquela, é unha lambeteira e lacazana. Son tan só dous actos. Os dous irmáns róubanlle mel a unha veciña. Edelmira morrerá sen testamento, polo que Divina argalla un. Isto acontecerá no primeiro dos actos. No segundo, ambos os irmáns viven regaladamente. Apareceráselle Edelmira ao Jocas, e este visitará o notario para contarlle a verdade. O castigo aos culpábeis conséguese por medio da delación das zocas:

Carballeira. De noite. Entra o Jocas.

JOCAS. Son o Jocas. Son viúvo. Esta noite vou às mozas. Ja vejo a casa da Florinda da Pereira. Ben enxergo o candelo da fiestra. O candelo na fiestra quer dicer que está soa, e podo entrar. Mais ¿qué é o que vejo? ¡Ai, Deus, val! Fun dar coa Estadea. Agacharei-me tras desta carocha. Deus me colla confesado. E máis estou en pecado mortal. ¡Coitado! ¡Se desta saio, non procurarei endejamais o candelo de Florinda! (Desfila a Compaña. Fica a derradeira ánima, a de Edelmira).

EDELMIRA. Jocas. Sai de aí.

JOCAS. ¡Vala-me Deus!

EDELMIRA. Jocas. Sai de aí.

JOCAS. ¡Vala-me a Virge!

EDELMIRA. Fai o que che digo, que teño presa.

JOCAS. Non te alporices, almiña. Ja saio. Ten piedade de min, se es criatura de Deus.

EDELMIRA. Non me teñas medo. Eu son Edelmira de Cornido. Non veño a che facer mal. Senta-te nese tocón e falemos. Pero non tremas, ho, que non veño con má intención. ¿Como vai o teu millo?

  • INFOGRAFÍA


Un comentario en «Día do Teatro»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *