“A(n)zos”, un poema inédito de Rosalía Fernández Rial
AG.- Con estes “A(n)zos”, que hoxe lanzamos ao voso mar -tanto ao interior, coma ao exterior- comezamos unha pequena (e gran) serie na que diferentes autores e autoras galegos nos agasallan con diferentes textos inéditos. Por iso, para nós é unha honra inaugurar esta sección cun poema de Rosalía Fernández Rial. Xogade coas palabras e perdédevos nelas!
A(n)ZOS
Os anzós
dos recordos
que compartimos
capturan, depredadores,
a miña vontade de avanzar.
Actúo como engado
da escuridade
na fondura oceánica,
onde os ollos esquecen
a súa función.
Cega, mergúllome a tentas
polo eco da voz coa que bradabas:
Mira o que fixeches! Mira!
Observo arredor:
alén das túas tebras
intúo un estrondo de amenceres
nos que desembocar
a danza da propia redención.
Se acadara a superficie
a miña luz apagaríate;
ía enterrar bailando
a memoria dos teus sons.
Cando rexurda,
naufragarás por sempre
lonxe, fóra de min.
Rosalía Fernández Rial
fondura oceánica!
Sabor a Costa da Morte.
Grazas, Rosalía!