“Unha folla vermella” de Miguel Anxo Alonso Diz e Luz Beloso.

AG.- Miguel é o protagonista deste adorábel álbum ilustrado con texto de Miguel Anxo Alonso Diz e ilustracións da nosa colaboradora en Aulas Galegas, Luz Beloso.

Miguel é un artista que día a día realiza as mesmas accións en silencio, deseña as mesmas imaxes por encarga e realiza os mesmos actos (durmir, almorzar…) en silencio; repite sen esforzo o mesmo debuxo, a monotonía rodea toda a súa vida; as cores e tons dos deseños de Luz Beloso repítense tamén, distintos tons de marróns, os trazos, o encadre case fotográfico dos debuxos, os ollos pechados ou semipechados de Miguel achégannos esa sensación do inmóbil e o silencio, as palabras do texto “Durante doce horas repetía unha e outra vez o mesmo debuxo. Hora tras hora. Día tras día.”

“Pero aquel día…” unha folla vén poñer unha nota de cor no quefacer cotián do noso artista e todo vai mudando, as imaxes cobran calor e vida, os seus ollos ábrense cando algo moi pequeno vai  prender a chama da creación no mundo de Miguel…

Para  coñecerdes o desenlace desta fermosa e creativa historia, gozar das imaxes agora si cheas de cores,  deberedes lela e gozala e cando vos acheguedes ao álbum  (agora que estamos no outono e as follas “vermellas” caen), propóñovos que recollades algunhas delas e prendades a vosa imaxinación con calor e color enchendo os vosos cadernos con deseños e follas “vermellas“.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *