Campus de verán en Rede

Unha moi boa iniciativa que nos propoñen desde Xuvenciencia

XuvenCiencia reinvéntase en tempos de coronavirus e desescalada e lanza un Campus de Verán en Rede

AG.- Ante a imposibilidade de celebrar o campamento presencial, o grupo de innovación docente da USC en Lugo argalla para alumnado de 4º de ESO e BAC proxectos colaborativos para reflexionar sobre un futuro sustentable logo da pandemia. A matrícula abre o luns.

Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, pero en ningún caso virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo.

Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a que había ser a oitava edición do Campus de Verán XuvenCiencia no Campus de Lugo da USC, a organización vén de argallar unha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España e que se celebrará do 29 de xuño ao 3 de xullo.

Estes mozos e mozas terán a oportunidade de sumarse a cinco proxectos especialmente pensados para este escenario de crise sociosanitaria global, no que se fai imprescindible a reflexión sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas.

  • Deste xeito, o Campus de Verán XuvenCiencia en Rede desenvolverá cinco proxectos:
  1. Plantifícate
  2. Leva a auga ao rego
  3. Somos o que comemos?
  4. Ti e o tempo
  5. Como quen oe chover
  • Como novidade para esta edición tan excepcional polas circunstancias, XuvenCiencia creará un Obradoiro de Medios no que iniciará a estudantes de secundaria no xornalismo científico.
  • O prazo para matricularse, a través dun formulario on-line, en cada un dos proxectos e no Obradoiro de Medios ábrese este luns, día 8 de xuño. Toda a información sobre datas e condicións está publicada na web do Campus XuvenCiencia.

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede realízase co apoio do Campus Terra da USC, a Deputación de Lugo, o grupo Aresa e a iniciativa Proxéctate en Galego do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *