A REALEZA DA NOSA LINGUA (Suxestión de lectura)

AG.- Acaba de saír do prelo A Raíña Galega de Xosé Durán, obra que nos achega unha visión diacrónica da nosa lingua dun xeito atractivo. Unha lectura nun formato moi acaído para a mocidade.

É a propia lingua quen en primeira persoa protagoniza a súa historia como un ser vivo que nos presenta a súa identidade (quen son eu), os seus predecesores (quen son os meus devanceiros?), como xurdiu (como nacín eu?), expoñendo a súa nenez (a miña infancia), o seu medrar (a princesa da Gallaecia), a súa hexemonía (a raíña das lingua romances), a travesía do deserto (os séculos escuros), o renacemento decimonónico (o rexurdimento), a consolidación (a RAG e a xeración Nós) e a etapa final dende o silencio imposto durante a longa noite de pedra da posguerra ata o pulo actual (do ermo á resurrección).
Unha lingua que, malia múltiples vicisitudes:
A min paseáronme e sentín os tiros no peito e na tempa. E loitei para que a morte non conquistase a miña torturada alma” (páx. 130)
mantense en pé e agora depende de nós que conserve a súa afouteza mil primaveras máis:
“… cómpre que cada un de vós, non súbditos, senón construtores do futuro, me axudedes a describir os nomes de todas as cousas que están en perigo de esquecemento, de deterioración e inclusive de extinción…
Quero que comigo se fale e se escriba das doenzas, da xenética, dos teoremas e da rastrexabilidade dos alimentos; das viaxes espaciais e dos buratos negros; dos bits e dos megadatos; das películas, das series e dos documentais…
Quero que me coñezan como lingua dixital, telemática e virtual, por ser precisamente unha lingua actual e viva…
Non quero alimentos alleos. As palabras galegas son o meu alimento; habendo nutrientes propios, por que os buscar fóra? Non preciso descolocar os pronomes persoais que van xunto ao verbo para emular modas de linguas veciñas. Nin empregar tempos compostos…
Aspiro a ser unha raíña culta, non unha raíña vulgar, malia que ás veces poida disfrazarme para a troula e alguén me considere ordinaria. É un xeito de mostrarme moderna, de estar en boca dos máis novos, pero coidando que non se desfigure a miña maxestosa imaxe secular…
eu… con cada palabra vosa, na fala e na escrita, dou un chanzo máis cara á miña infinda eternidade.” (páx. 138-141)
Non fagamos oídos xordos a esta mensaxe e sexamos coidadosos no uso da nosa lingua nai, evitando deturpala e infectala con espurias modas ou fáciles desleixos.

Ficha bibliográfica: DURÁN, Xosé, A Raíña Galega, Xerais (Fóra de Xogo, 191), Vigo, 2020, 143 pp.


Lecturas_compartidas

Docente de profesión e bibliotecario por devoción

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *