Xogos de mesa para o confinamento: DOBBLE

AG.- Hoxe un xogo de mesa realmente divertido. Botamos na casa un par de partidas e xa quedamos enganchados. Iso si, ollo os taquicárdicos e taquicárdicas! O ritmo e intensidade pode subir un chisco a tensión arterial!

55 cartas redondas, con 8 imaxes en cada unha e, por incrible que pareza, só unha imaxe común entre calquera par de cartas! Aínda que a min se me escapa por completo, a fórmula matemática que o explica podedes vela aquí.

O quid do xogo é ser o primeiro ou primeira en recoñecer esa figura común. A partir dese mecanismo básico, as instrucións propoñen cinco modalidades (ou minixogos) diferentes: «A torre infernal», «O foxo», «A pataca quente», «A por todas» e «O regalo envelenado». Aquí vos deixo un vídeo en portugués que explica ben clariño cada modalidade do xogo.

Cada vez que se descobre esa figura repetida en dúas cartas, hai que nomeala en voz alta. O xogo convértese así nun bo recurso para practicar oralmente vocabulario. En concreto, eu vinlle moita utilidade, na Área de Lingua Galega, para a corrección de castelanismos pois para a maioría dos 58 elemento temos un nome de noso: tartaruga, folla, golfiño, reloxo, candea, xeo, caveira, áncora, tesoiras, can, chave, lóstrego, lentes, trevo, paxaro, lapis, queixo, mazá, chamas, dinosauro, lume, árbore, lúa, cadeado

Perfecto para unha diversión trepidante poñendo a proba a agudeza visual, a capacidade de concentración, a rapidez de reflexos e… o vocabulario. Mesmo con versión simplificada para máis pequenos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *