Xogos de mesa para o confinamento: DIXIT

AG.- Estes días de permanencia obrigada nos fogares leváronnos a desempoar os vellos xogos de mesa para pasar o tempo da mellor forma posible, con nenos e con non tan nenos: o parchís, o xadrez, as damas, a baralla… Co artigo de hoxe comezamos unha serie de recomendacións de magnificos xogos de mesa que, se cadra, xa coñecedes. Aínda queda un bo tempo de confinamento, así que nos virá ben ter alternativas.

O primeiro de hoxe é DIXIT, un xogo multipremiado, ideado polo francés Jean-Louis Roubira. Os elementos básicos: uns coelliños de cores (boa chiscadela á nosa amada Alicia no país das marabillas) que representan cadanseu xogador, un taboleiro só para rexistrar o avance en puntos dos participantes e un conxunto de 84 cartas diferentes fermosamente ilustradas por Marie Cardouat.

Por quendas, os xogadores están na obriga de crear breves enunciados ou títulos a partir das imaxes das cartas e os demais deben xogar a adiviñar a carta que corresponde a cada unha desas oracións. Un xogo de lingua oral sinxelo, creativo e dinámico ideal para voar coa imaxinación e xogar coa linguaxe.


Un comentario en «Xogos de mesa para o confinamento: DIXIT»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *