Xogamos a facer rochas?

AG.-

OBXECTIVO: repasar a formación e o ciclo das rochas.

MATERIAL:

  • Ceras de cores (3 ou 4 sería suficiente) das que teñades pola casa, mellor se son tipo Manley.
  • Relador para facer fragmentos pequenos de “rocha”.
  • Coitelo para facer fragmentos máis grandes de “rocha”.
  • Cazo, pota ou similar para o baño María.
  • Papel aluminio.
  • ATENCIÓN: para os pasos do baño María, se o necesitades, pedide axuda a un adulto e sempre con coidado e seguridade para evitar queimaduras. Pensade que a cera quente queima bastante.

PROCESO:

  • Relamos e cortamos as ceras para simular procesos de  meteorización, e, desta maneira, obtemos fragmentos de diferentes tamaños. Pensade que co relador se obteñen sedimentos tipo area e coa espátula podedes obter gravas.
  • Posteriormente, mestúranse os distintos fragmentos na palma da man e apértanse. Deste xeito litificamos os sedimentos e obtemos unha rocha. Podedes observar que as rochas sedimentarias se desfán con certa facilidade.

  • Collemos a nosa rocha sedimentaria e envolvémola en papel de alumino facendo unha cápsula e quentámola lixeiramente ao baño María durante 1-3 minutos. Este paso é fundamental, tedes que vixiar ben o proceso. Recordade que non pode chegar a fundir. Unha vez quentada, sometemos a rocha a elevadas presións, mediante o noso pé (pisa, pisa).
  • Atención hai que comprobar que a «rocha» estea ben envolta, senón despois tedes  que quitar a cera do chan e non é un traballo sinxelo. O resultado é unha rocha  metamórfica.

  • A continuación, volvemos a envolvela en papel de alumino e quéntase de novo ao baño María ata que se funda completamente, deste xeito obtemos magma.  A continuación, deixades arrefriar. Ao solidificar temos unha rocha magmática.

LEMBRANDO O CICLO DAS ROCHAS:

  1. MAGMA
  2. ARREFRIAMENTO
  3. ROCHA MAGMÁTICA
  4. EROSIÓN
  5. SEDIMENTACIÓN
  6. SEDIMENTOS E ROCHA SEDIMENTARIA
  7. METAMORFISMO
  8. ROCHA METAMÓRFICA
  9. FUSIÓN

CURRICULO: Bioloxía e Xeoloxía 1º ESO (Bloque 2. A Terra no universo, Bloque 1. Habilidades, destrezas e estratexias. Metodoloxía científica); Bioloxía e Xeoloxía 3º ESO ( Bloque 1. Habilidades, destrezas e estratexias. Metodoloxía científica, Bloque 4. O relevo terrestre e a súa evolución).

PROPOSTA REALIZADA POR: Patricia Carracedo do CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña.

FONTES: fotos feitas polo alumnado.


One thought on “Xogamos a facer rochas?

  • 20 Xuño 2020 ás 10:50
    Permalink

    Moi bo! Ademais ten pinta de divertido, o levaremos ao aula. Grazas.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *