“Xela Arias. Palabra á intemprie”. Enma Pedreira e Laura Romero.

AG.- Nesta obra que quere ser unha biografía novidosa en forma e contido, da poeta á que homenaxeamos este ano nas Letras Galegas – Xela Arias-, a palabra poética de Emma Pedreira e as ilustracións-collages de Laura Romero establecen un fermoso diálogo en texto e imaxe cos versos da poeta viguesa.

A partir dunha selecta escolla de versos de Xela Arias, a autora -Enma Pedreira- establécese no mundo vital e poético daquela e vai fiando cunha linguaxe literaria delicada e sensíbel unha conversa sobre a nenez, os cronotopos, a fusión da muller coa poesía e a palabra escrita, a lingua, e cada un dos poemarios publicados en vida por Xela.

Flúen as palabras e os versos entre ambas as poetas (Xela e Emma) ornamentadas coa delicadeza das imaxes deseñadas pola ilustradora (Laura Romero) ; a conversa convértese en datos e os datos biográficos en poesía achegándonos á emoción e á sensibilidade dos libros “Os libros non poden ser cadavres de papel, mortos nos andeis” e as poetas nesta obra están vivas, latentes nas voces de ambas.

Este achegamento á vida e obra de Xela Arias remata cunha proposta moi interesante para nós: Cos versos seleccionados, con papel e tesoiras (e mesmo con imaxes) podemos crear a nosa propia visión da poesía de Xela, imaxinar nun papel en branco novos collages e completar ese diálogo que Emma e Laura comezaron.


One thought on ““Xela Arias. Palabra á intemprie”. Enma Pedreira e Laura Romero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *