Vivimos na Terra como se tivesemos outra Terra á que ir

AG.- 

O impacto ambiental ou antrópico é o efecto que produce a actividade humana sobre o medio ambiente. Existen distintos tipos de impactos que poden ser clasificados segundo a capacidade de recuperación do medio en 4 grupos:

  1. Irreversibles: se a súa transcendencia no medio é de tal magnitude que é imposible revertelo. Por exemplo: a extinción dunha especie como a cabra montesa galega (Capra pirenaica lusitánica) ou a Pita do monte (Tetrao urogallus).

  2. Reversibles: o medio pode recuperarse transcorrido un tempo, xa sexa a curto, medio ou longo prazo. Por exemplo: un río contaminado.

  3. Temporais: se a súa magnitude non xera maiores consecuencias e permite ao medio recuperarse a curto prazo. Por exemplo: contaminación acústica por obras.

  4. Persistentes: As accións ou sucesos practicados no medio ambiente son de influencia a longo prazo e perdurables durante moito tempo. Por exemplo: Derrame ou emanacións de certos químicos perigosos sobre algún biótopo como foi o caso do Prestige.

As consecuencias ambientais máis importantes destas accións son as seguintes:

  • O cambio climático

  • O efecto invernadoiro

  • A contaminación do aire, auga e solo

  • A choiva ácida

  • O burato da capa de ozono

  • A perda de biodiversidade

  • A deforestación

  • A desertización

Todo isto está sucendendo ante os nosos ollos. Non podemos seguir actuando como se tivésemos todo o tempo e todas as solucións en calquera momento nas nosas mans se queremos garantir o noso futuro e o do resto de especies de seres vivos.

A conservación do medio ambiente é tarefa de cada un de nós e debemos ser conscientes da importancia das nosas actitudes cotiás na utilización dos recursos da nosa contorna.

PONTE EN MARCHA: na seguinte páxina web podes calcular o impacto da túa propia pegada ecolóxica e obter un diagnóstico con consellos sobre o que podes facer para reducila.

  • Cantos planetas Terra serían necesarios se todo o mundo actuase coma ti?

  • Co seguinte xogo (Kahoot) podes demostrar canto sabes sobre ecoloxía e impactos ambientais provocados polo ser humano:

 

 

Centrándonos en Galicia, un importante problema ambiental é a conservación dos seus montes que, a pesar de ter un gran potencial madeireiro, enfróntanse cada ano a numerosos incendios forestais e ao imparable avance do eucalipto.

Despois de ler o seguinte artigo da revista galega de ecoloxía e medio ambiente Cerna: “Incendios e eucaliptos avanzan  xuntos” Reflexiona sobre as seguintes cuestións.

  1. Que cambios producen os incendios na zona onde se producen?

  2. Como favorecen os incendios a instalación de novas masas de eucaliptos?

  3. Crees que a substitución de bosques autóctonos por monocultivos de especies de crecemento rápido ten algunha consecuencia perxudicial para a conservación dos nosos montes? Cal?

  4. O aumento da plantacións de especies caducifolias (carballos, cerquiños, castiñeiros, bidueiros…) que son especies clímax adaptadas ao medio, ten numerosas vantaxes dende un punto de vista ecolóxico. Cales son?

PONTE EN MARCHA: Tendo en conta todo o anterior realiza unha proposta para mellorar esta situación na nosa comunidade autónoma. Cres que sería difícil levala a cabo?

CURRICULO: Bioloxía e Xeoloxía 4º ESO (Bloque 3. Ecoloxía e medio ambiente).

PROPOSTA REALIZADA POR: Alva Vázquez.

FONTES: Pixabay; Wikipedia.

 

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *